Un 90% das 13.000 vivendas baleiras en Vigo pertencen a particulares segundo os cálculos do Concello | Observatorio de Vivenda

Un 90% das 13.000 vivendas baleiras en Vigo pertencen a particulares segundo os cálculos do Concello

Un 90% das 13.000 vivendas baleiras en Vigo pertencen a particulares segundo os cálculos do Concello Segundo os cálculos do Concello de Vigo, son  12.897 vivendas baleiras na cidade, o que corresponde ao 11% do parque inmobiliario. Esta cifra representa case 30 veces máis que os inmobles dispoñibles para arrendar, e a gran maioría pertencen a particulares, case nove de cada 10. O resto están en mans de sociedades e análogos ou outras entidades, como poden ser os bancos.| Estes datos foron recollidos polo goberno local en abril, e baséanse no consumo de auga. Deste xeito, considérase que unha vivenda está baleira se o consumo total é de ata 1 metro cúbico (m3) nos tres últimos bimestres, é dicir, unha media de ata 0,33 m3/bimestre. Para calcular a porcentaxe, exclúense propiedades con auga comunitaria ou contrato de só saneamento. O informe municipal sinala que son seis de cada dez vivendas baleiras na cidade as que forman parte de edificios, é dicir, son pisos ou apartamentos, alcanzando a cifra de 7.400, sendo o resto unifamiliares.| Esta información sérvelle ao Concello para poñer en marcha un programa que busca animar aos propietarios a poñer no mercado estes inmobles a prezo taxado durante cinco anos. O obxectivo é dobre: facilitar o acceso a un teito cunha renda máis alcanzable e aumentar a oferta dispoñible, e, polo tanto, reducir os prezos. Os requisitos que deben cumprir as vivendas baleiras para que os seus propietarios poidan beneficiarse deste programa son cinco: estar en Vigo, non contar con residentes empadroados seis meses antes de solicitar a axuda nin ter contrato de alugueiro neste período, que os propietarios estean ao corrente de pago de todas as obrigacións tributarias do Concello e destinalas ao alugueiro a prezo taxado durante cinco anos.| O Concello subvenciona o 50% do valor das obras de mellora e equipamento cun máximo de 8.000 euros; o 100% do custo da emisión do certificado enerxético, cun máximo de 100 euros; e o 100% do contrato dun seguro de falta de pagamento e multirrisco, cun máximo de 300 euros anual durante a duración do contrato.| Fonte.- Faro de Vigo