Entregadas as chaves das vivendas do novo barrio sustentable e eficiente de Cenlle, ao que a Xunta destinou máis de 1M€ | Observatorio de Vivenda

Entregadas as chaves das vivendas do novo barrio sustentable e eficiente de Cenlle, ao que a Xunta destinou máis de 1M€

Entregadas as chaves das vivendas do novo barrio sustentable e eficiente de Cenlle, ao que a Xunta destinou máis de 1M€
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo entrega das chaves aos adxudicatarios das seis vivendas modulares construídas pola Xunta de Galicia

  • Ángeles Vázquez anuncia que a Consellería ten previsto construír 6 vivendas de madeira nos concellos de Oímbra e Pontedeva
  • Salienta que esta liña de acción do Goberno galego verá un pulo importante este ano co impulso de 512 vivendas de promoción pública, principalmente nas grandes cidades

A Xunta destinou 1,1 millóns de euros para impulsar un novo barrio sostible e eficiente no concello de Cenlle que serve de modelo e exemplo de construción responsable para o resto de municipios da Comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que esta promoción naceu como un proxecto piloto, coa que testar fórmulas innovadoras na construción que se teñen acadado, xa que as vivendas teñen unha clasificación enerxética A, polo elevado grao de illamento da envolvente, e uns sistemas enerxéticos eficientes, como a calefacción por aerotermia.

A titular de vivenda do Goberno galego entregou esta mañá as chaves aos adxudicatarios das seis vivendas modulares construídas pola Xunta; aos que lles trasladou que “hoxe entrégase algo máis que un teito ou unha vivenda; ábrense as portas a un fogar no que construír os recordos propios, nos que sentirse seguro e gozar dos e cos seus”.

Segundo explicou a conselleira ás novas familias, cada inmoble -localizado nunha parcela de 430 m2- conta con 115 m2, distribuídos en tres dormitorios, cuarto de baño e aseo, salón cociña, vestíbulo e zona de lavandería; ademais dun aparcadoiro cuberto e unha zona de case 350 m2 para unha zona axardinada.

Ángeles Vázquez tamén felicitou ao alcalde, José Manuel Rodríguez, por apostar por este proxecto e colaborar no mesmo. Sinalou que este espazo está dotado dun novo parque público infantil, ademais de contar ao carón con outros servizos como un colexio e a piscina municipal, polo que é unha zona de referencia para a toda a veciñanza de Cenlle.

Avanzou que esta experiencia anima á Xunta a impulsar proxectos similares, por iso, prevé a construción de seis vivendas de madeira en municipios rurais de Ourense. Indicou que tres estarán en Pontedeva e outras tantas, en Oímbra. Así, ademais de promover o asentamento de poboación no rural de Galicia, tamén se fomenta a construción sostible e se xera valor na industria forestal galega, destacou.

Neste sentido, destacou o traballo da empresa Proyectopía, encargada do proxecto, que puxo todo o seu coñecemento, técnica e experiencia para facer realidade este novo barrio en Cenlle.

A conselleira defendeu que unha das máximas da acción do seu departamento e do Goberno, en xeral, é dar solucións ao problema de vivenda, facilitando o acceso a un fogar en réxime de compra ou alugueiro.

Nese sentido, destacou que ao longo deste ano se dará un pulo importante co impulso de 512 vivendas de promoción pública, principalmente nas grandes cidades, grazas o investimento de 72,5 millóns de euros.

Fuente.- Xunta de Galicia