Alfonso Rueda anuncia que a Xunta aproba o decreto que facilita que baixos comerciais sen uso poidan reconverterse en vivendas | Observatorio de Vivenda

Alfonso Rueda anuncia que a Xunta aproba o decreto que facilita que baixos comerciais sen uso poidan reconverterse en vivendas

Alfonso Rueda anuncia que a Xunta aproba o decreto que facilita que baixos comerciais sen uso poidan reconverterse en vivendas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico aprobou o decreto polo que se modifican as normas de habitabilidade de Galicia do ano 2010 e que, como principal novidade, facilitará en determinados supostos que baixos comerciais e entreplantas abandonados ou sen actividade, e localizados en contornas urbanas, poidan reconverterse en vivendas. A modificación foi promovida pola Xunta con unha dobre finalidade: ofrecer solucións efectivas a problemas derivados dos cambios socioeconómicos e estruturais que sufriu a sociedade galega nos últimos anos e adecuar certos aspectos da normativa de habitabilidade vixente en Galicia, co fin de simplificar a súa aplicación e eliminar redundancias co resto da lexislación sectorial.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que a actualización da normativa de habitabilidade vai facilitar, por unha banda, a existencia “dun maior número de vivendas e que haxa alugueiros máis baixos” #ante o aumento da oferta e por outra, “garantir a calidade de vida dos galegos a través de vivendas dignas”.

Todos os cambios introducidos nas normas de habitabilidade foron analizados e debatidos no seo do Observatorio de vivenda de Galicia e tamén no Comité asesor de habitabilidade, un órgano de carácter consultivo que mantivo tres reunións o ano pasado co fin de concretar os posibles cambios e melloras.

Fonte.- Xunta de Galicia