Ángeles Vázquez subliña o consenso que marcou a tramitación da Lei de rehabilitación, coa incorporación do 30% das emendas | Observatorio de Vivenda

Ángeles Vázquez subliña o consenso que marcou a tramitación da Lei de rehabilitación, coa incorporación do 30% das emendas

 Ángeles Vázquez subliña o consenso que marcou a tramitación da Lei de rehabilitación, coa incorporación do 30% das emendas
  • O Parlamento aproba a que será a primeira normativa galega promovida co obxectivo de impulsar as políticas de restauración de inmobles e a recuperación e revitalización do patrimonio xa construído na comunidade
  • Durante a súa intervención no debate final da lei, a conselleira de Medio Ambiente chama a concellos e particulares a tomar a iniciativa e apostar pola rehabilitación

 

O Parlamento galego aprobou esta mañá a Lei de Rehabilitación e de Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia, a primeira normativa deste tipo coa que contará a Comunidade Autónoma e que aspira a situala á vangarda do país nesta materia, dándolle un pulo importante ás políticas de rehabilitación e apostando de forma decidida pola recuperación do patrimonio xa construído.

Durante o debate final da lei no pleno, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aproveitou a súa quenda de palabra antes de someter o texto a votación para poñer en valor e agradecer o traballo desenvolvido por todos os grupos no transcurso da tramitación parlamentaria da norma.

Así, salientou que durante este proceso recibíronse un total de 318 emendas das catro formacións con representación na Cámara, das cales se aceptaron e pactaron máis de 75. E lembrou que mesmo antes de que a Lei de Rehabilitación entrase no Parlamento, o texto xa fora enriquecido coas 133 achegas recibidas durante o procedemento de consulta previa e audiencia, das cales se admitiron a trámite un total de 56; de xeito que durante as diferentes fases da súa tramitación a norma incorporou máis de 130 achegas, é dicir, case o 30% de todas as recibidas.

En opinión da conselleira, esta busca de consenso que marcou a tramitación da nova lei, antes e durante o debate parlamentario, resultou fundamental para acadar un texto o máis completo posible e que incorpore diferentes posturas e visións sobre un asunto clave como a rehabilitación e rexeneración urbanas de Galicia e a protección dos cascos históricos.

Neste sentido, a conselleira amosou a súa satisfacción pola aprobación dunha norma que entre os seus obxectivos busca impulsar a colaboración entre administracións e axilizar os procedementos e actuacións que non afecten a elementos protexidos; incrementar a preservación dos valores patrimoniais a protexer; fomentar a participación dos particulares nos procesos rehabilitadores, a través de mecanismos de axuda e tamén penalizando que incumpran as súas obrigas; e facilitar as intervencións públicas, tutelando as mesmas e converténdose nunha ferramenta para que os concellos axilicen este tipo de actuacións.

O papel de concellos e particulares

Na mesma liña, a responsable de Vivenda da Xunta convidou aos concellos a “tomar a iniciativa” para darlle un pulo definitivo ás actuacións de rehabilitación nos seus municipios para axudar a impulsar a recuperación do xa construído, fomentar entre os galegos a cultura da rehabilitación e conciencialos de que non hai maior desprotección que o abandono.

Por iso, considerou que o texto aprobado hoxe pola Cámara autonómica é “unha lei positiva e beneficiosa” para a Comunidade, que busca mellorar o estado dos cascos históricos e suporá un novo e moi importante paso na aposta realizada pola Xunta desde o ano 2009 para poñer en valor o territorio como parte da identidade de Galicia.

Fonte.- Xunta de Galicia