As axudas ao alugueiro da Xunta pola covid-19 poderán solicitarse ata o próximo mércores 30 de setembro | Observatorio de Vivenda

As axudas ao alugueiro da Xunta pola covid-19 poderán solicitarse ata o próximo mércores 30 de setembro

As axudas ao alugueiro da Xunta pola covid-19 poderán solicitarse ata o próximo mércores 30 de setembro

As axudas ao alugueiro convocadas pola Xunta o pasado mes de maio para apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da Covid-19 poderán solicitarse aínda ata o vindeiro mércores, 30 de setembro.

Os beneficiarios destas axudas, que necesariamente serán persoas titulares dun contrato de alugueiro de vivenda habitual que se atopen en situación de vulnerabilidade a consecuencia de estar en desemprego, ERTE ou redución de xornada como consecuencia da Covid-19, recibirán ata 500 euros durante o período que acrediten estar en situación de vulnerabilidade e por un máximo de seis meses. A axuda poderá concederse con efectos retroactivos desde o pasado mes de abril e non se concederá máis aló de decembro de 2020, pero en todo caso, o importe concedido non poderá superar nunca a renda mensual establecida no contrato de alugueiro.

As solicitudes presentaranse preferentemente por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, onde está dispoñible o formulario correspondente. Os interesados deberán facer constar na mesma a data desde a que está en situación de vulnerabilidade, os seus ingresos netos e o importe da renda, os gastos de subministracións do mes anterior á solicitude e a composición e os ingresos da unidade familiar.

Fonte | Xunta de Galicia