Axudas para a adquisición de vivenda. Xunta de Galicia | Observatorio de Vivenda

Axudas para a adquisición de vivenda. Xunta de Galicia

Axudas para a adquisición de vivenda. Xunta de Galicia

Axudas de ata 3,5 M€ para apoiar á cidadanía na compra de vivenda ademáis de ata 5 M€ en avais para facilitar o acceso da mocidade a un fogar.

Os particulares interesados en acollerse a estas axudas da Xunta terán tres modalidades de acceso: adquisición de vivenda protexida; compra en centros históricos; ou compra en municipios de menos de 10.000 habitantes. 

No caso das persoas interesadas en mercar unha vivenda protexida, o orzamento reservado na orde ascende a 1,05 millóns de euros e o importe da axuda poderá chegar ata os 20.000 euros. Así, as persoas que desexen adquirir un destes inmobles poderán solicitar unha subvención equivalente ao 20% do seu custo, cun límite de 20.000 euros no caso dos menores de 36 anos que compren a vivenda en calquera das sete grandes cidades. Para o resto, o importe dependerá da área xeográfica na que estea localizada e da idade do comprador, movéndose entre os 12.000 e os 16.000 euros.

A segunda modalidade de acceso ao programa será a adquisición dunha vivenda localizada nalgún dos medio cento de centros históricos existentes en Galicia, subvencións ás que a Xunta reserva, neste caso, un orzamento de 500.000 euros. As axudas poderán chegar aos 15.000 euros, sempre que a vivenda se merque nalgún dos sete municipios galegos que teñen declarada nestes ámbitos unha Área de rexeneración urbana de interese autonómico, mentres que nos restantes concellos será de 12.800 euros, no caso de que o solicitante sexa menor de 36 anos e de 10.800 euros se é maior.

Por último, tamén se subvencionará a adquisición de inmobles para uso residencial por parte do colectivo dos menores de 36 anos en municipios de menos de 10.000 habitantes. Cunha partida asignada neste caso de algo máis de 1,9 millóns de euros, a axuda será equivalente ao 20% do prezo de compra, sempre que este non supere os 120.000 euros e cun límite por axuda fixado nun máximo de 10.800 euros.

Máis información

Diario Oficial de Galicia