Axudas para a adquisición de vivendas protexidas | Observatorio de Vivenda

Axudas para a adquisición de vivendas protexidas

Axudas para a adquisición de vivendas protexidas

A partir de hoxe e ata o vindeiro 2 de outubro poderán solicitarse as axudas da Xunta de Galicia para a adquisición de vivendas protexidas, novas ou rehabilitadas. A convocatoria deste programa saíu publicada onte e permitirá acceder a incentivos económicos de, como máximo, 20.000 euros.

Cun orzamento reservado para este ano de 780.900 euros, os beneficiarios recibirán unha axuda que non pode superar o 20% do prezo de adquisición do inmoble. A contía máxima será de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 anos e que compren a súa vivenda nunha destas cidades: Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra. Para o resto de supostos, a contía será variable e dependerá da área xeográfica na que estea localizado o inmoble e tamén da idade do comprador ou compradores.

En relación cos requisitos de acceso, os beneficiarios deben ser adquirintes ou adxudicatarios, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica, ou ben ter subscrito —con posterioridade ao 30 de setembro de 2022— un contrato privado de compravenda visado polo IGVS ou, de ser o caso, unha escritura pública que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva do inmoble.

Máis información

Diario Oficial de Galicia