Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero e de explotación sexual (2019). IGVS, Xunta de Galicia. | Observatorio de Vivenda

Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero e de explotación sexual (2019). IGVS, Xunta de Galicia.

Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero e de explotación sexual (2019). IGVS, Xunta de Galicia.

As subvencións do Programa do Bono de Alugueiro Social destinado a vítimas de violencia de xénero teñen como orzamento por parte da Xunta de Galicia para este ano 2019 un total de 1,65 millóns de euros. Esta liña de subvencións está incluída dentro do Bono de Alugueiro Social, un programa que xa contempla ás vítimas de violencia de xénero entre os seus potenciais beneficiarios. Como novidade, a través da orde convocada este ano e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a Xunta crea unha liña específica destinada a facilitar a este colectivo o pago dunha vivenda en réxime de alugueiro e ademais, amplíanse os supostos previstos con anterioridade. 

Así, inclúense tamén como posibles beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima. 

Do mesmo xeito, as subvencións desta liña específica do Bono de Alugueiro Social tamén van destinadas a atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica co seu agresor ou, no caso das vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. 

Terán tamén esa consideración as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia per interpósita persona.

O bono conta cun importe máximo de 225, 200 ou 175 euros en función do concello onde se atope a vivenda, durante un período de 12 meses, prorrogable dúas veces máis ata chegar a un máximo de 36 meses, ademais dunha axuda de 600 euros para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento.

As axudas teñen carácter anual, de maneira que cada unidade de convivencia so poderá percibir unha subvención de 12 bonos mensuais consecutivos, con posibilidade dun máximo de dúas prórrogas ordinarias sucesivas de 12 meses cada unha.

Ademais, poderá solicitar unha axuda complementaria de ata 600 € para o suposto de formalización dun contrato de alugueiro (fianza e alta en subministracións).

Máis información do IGVS

Diario Oficial de Galicia 11-07-2019