Bono social para o alugueiro para as familias vulnerables. Xunta de Galicia | Observatorio de Vivenda

Bono social para o alugueiro para as familias vulnerables. Xunta de Galicia

Bono social para o alugueiro para as familias vulnerables. Xunta de Galicia

 

Prazo de Presentación: ABERTO. 14/07/2022 - 30/11/2026

 

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas do bono de alugueiro social, ao abeiro do programa de axudas ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, que se tramitarán co código de procedemento VI482F.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas de forma continuada e permanente ata a finalización do Plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025 ou ata o esgotamento do crédito previsto nesta resolución, sen prexuízo da súa ampliación, conforme o previsto no artigo 41 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

3. De conformidade co previsto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, para os efectos do previsto na alínea a) do número 2 do artigo 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas do bono de alugueiro social outorgadas pola Administración autonómica teñen a consideración de axudas prestacionais de carácter asistencial.

Requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

Nos casos das vítimas de trata con fins de explotación sexual e no suposto previsto no punto 2 do ordinal anterior, será suficiente con que acrediten que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

c) Ser titulares ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores orfos/as por violencia de xénero ou vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.

d) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

e) Que a renda do contrato de arrendamento non supere os importes sinalados no ordinal oitavo destas bases reguladoras.

f) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o ordinal sétimo destas bases reguladoras, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción das fillas e fillos maiores de idade, pero menores de 30 anos, das vítimas mortais por violencia de xénero, que dependesen economicamente da nai e/ou do agresor, caso en que os ingresos deberán ser iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Aplicarase esta mesma exixencia cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

h) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte insuficiente ou inadecuada por razóns de habitabilidade e/ou mobilidade, e no suposto das vítimas de violencia de xénero, ademais, cando a ocupación da vivenda que ten en propiedade ou usufruto sexa incompatible coa dita situación de violencia de xénero.

 

Fonte.- Xunta de Galicia