Comeza un ciclo de charlas divulgativas en liña sobre o novo pacto social pola vivenda cos promotores e constructores | Observatorio de Vivenda

Comeza un ciclo de charlas divulgativas en liña sobre o novo pacto social pola vivenda cos promotores e constructores

Comeza un ciclo de charlas divulgativas en liña sobre o novo pacto social pola vivenda cos promotores e constructores

O vindeiro venres 19 de febreiro comeza un ciclo de charlas divulgativas en liña para dar a coñecer o Pacto Social pola Vivenda de Galicia 2021-2025. O ciclo componse de varias sesións destinadas aos diferentes axentes interesados.

En concreto, a primeira sesión está dirixida a construtores e promotores. Nela intervirán a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, que será a encargada de inaugurar a charla; e o director xeral do IGVS, que presentará o devandito Pacto. A continuación, é a quenda de dous representantes dos colectivos destinatarios: Juan José Yañez Martínez, da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia, e Diego Vázquez Reino, da Federación Galega da Construción. Para finalizar, haberá un tempo para o debate e para as preguntas.

A sesión, que comezará ás 9 da mañá e terá, aproximadamente, unha hora de duración, retransmitirase por internet, para o que é preciso anotarse a través da seguinte ligazón: clic aquí.

 

Pacto Social pola Vivenda de Galicia 2021-2025

O Pacto Social pola Vivenda de Galicia 2021-2025 é un documento que contén as liñas estratéxicas para o período sinalado. Elaborouse no seo do Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia (OVG), constituído polos representantes das Administracións públicas con competencias na materia e os representantes de entidades, institucións ou asociacións que agrupan persoas físicas ou xurídicas que teñen a consideración de axentes da edificación, así como as axencias e as administracións da propiedade inmobiliaria.