A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que as obras de reforma da contorna do Campo da feira de Boimorto se licitarán en setembro | Observatorio de Vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que as obras de reforma da contorna do Campo da feira de Boimorto se licitarán en setembro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que as obras de reforma da contorna do Campo da feira de Boimorto se licitarán en setembro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que as obras para mellorar o estado actual da contorna do Campo da feira de Boimorto se licitarán ao longo do mes de setembro. Así o avanzou esta mañá durante a inspección realizada ás obras de humanización da rúa Estrada da Mota, que remataron este mesmo verán.

Ambas actuacións cumpren cos obxectivos do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego en 2010, para apoiar ás entidades locais con actuacións, que como no caso destas dúas de Boimorto, humanicen os espazos de uso público e promovan o reequilibrio territorial.

A obra que mellorará o Campo da Feira, dotada dun orzamento de máis de 140.000 euros, ten por obxectivo renovar e mellorar a contorna neste punto e tamén da Casa da Cultura, para ordenar a confluencia do tráfico rodado e peonil.

Así, renovaranse as beirarrúas e o pavimento de rodadura para dotar á zona dun pavimento novo, en formigón coloreado, e crear unha zona de estacionamento de vehículos de 510 m2. Tamén se realizará unha canalización soterrada da nova rede de recollida de augas pluviais e a renovación de luminarias e da súa instalación eléctrica.

O parque, situado nas proximidades do antigo Campo da Feira, tamén se acondicionará para embelecerá dito espazo, coa plantación de céspede, colocación de mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Así mesmo, tamén se renovará o pavimento do parque infantil da Casa da Cultura e instalarase unha nova rede de rego para o mantemento do seu xardín.

Fonte | Xunta de Galicia