A Conselleira de Vivenda demanda ao Ministerio a cesión en usufruto ou gratuíta de vivendas da Sareb para uso social, a inclusión da Galicia no programa “Viena” e máis fondos para a mellora da eficiencia enerxética de vivendas | Observatorio de Vivenda

A Conselleira de Vivenda demanda ao Ministerio a cesión en usufruto ou gratuíta de vivendas da Sareb para uso social, a inclusión da Galicia no programa “Viena” e máis fondos para a mellora da eficiencia enerxética de vivendas

A Conselleira de Vivenda demanda ao Ministerio a cesión en usufruto ou gratuíta de vivendas da Sareb para uso social, a inclusión da Galicia no programa “Viena” e máis fondos para a mellora da eficiencia enerxética de vivendas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reclamou do Goberno de España o incremento dos fondos do programa Next Generation destinados a Galicia con destino a actuacións de mellora da eficiencia enerxética das vivendas, dada a alta demanda das mesmas e o grado de execución dos fondos xa aportados á comunidade autónoma. A conselleira fixo esta demanda na reunión bilateral mantida coa ministra de Vivenda e Agenda Urbana na que se tratou sobre as axudas de eficiencia enerxética, o novo plan de vivenda, mercados tensionados, as vivendas de Sareb e a non inclusión de Galicia no proxecto Viena.

Entre as convocatorias de 2022 e 2023 Galicia concedeu axudas para a mellora eficiencia de máis de 24.000 vivendas por importe de cerca de 140 millóns de euros, procedentes na súa integridade da Unión Europea. Martínez Allegue pediu que os fondos deberían destinarse ás comunidades, como Galicia, que mellor están cumprindo os obxectivos establecidos. Cabe salientar que Galicia executou nun 100 por cento os fondos das convocatorias de 2022 e 2023.

Na bilateral tamén trataron sobre o novo plan de vivenda que debería comezar a elaborarse. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas demandou que o mesmo sexa máis flexible e que as medidas incluídas no mesmo teñan en conta as xa existentes nas comunidades autónomas, para evitar duplicidades e conseguir que os fondos se destinen a satisfacer as necesidades reais de cada comunidade autónoma. Asemade, plantexou que se recuperen as medidas que garantan aos promotores de vivenda protexida o acceso ao financiamento necesario para as mesmas.

A conselleira plantexoulle á ministra a necesidade de que Sareb ceda máis vivendas á Xunta de Galicia e o faga de forma gratuíta, tal como aprobou recentemente o Parlamento de Galicia. Ademais, demandou a inclusión de Galicia no denominado plan Viena, polo que Sareb porá solo a disposición dos promotores para que constrúan vivendas para alugueiro que, pasado o prazo de concesión, pasarán a mans dos concellos ou das comunidades autónomas ás que Sareb transfira a actuación antes da extinción da sociedade. A ministra comprometeuse a dar unha resposta ao respecto.

Ambas administracións acordaron unha colaboración mutua para facilitar á cidadanía o acceso á vivenda.

Fonte.- Xunta de Galicia