A Consellería de Medio Rural reformará 2.000 casas en aldeas con acceso a servizos dixitais | Observatorio de Vivenda

A Consellería de Medio Rural reformará 2.000 casas en aldeas con acceso a servizos dixitais

A Consellería de Medio Rural reformará 2.000 casas en aldeas con acceso a servizos dixitais

A Xunta pensa rehabilitar 2.000 casas en 200 núcleos rurais e convertelas en “aldeas intelixentes” dotadas de ferramentas tecnolóxicas e solucións innovadoras que lles faciliten o acceso a determinados servizos. A idea do Goberno galego é repoboar o rural e para iso impulsará a recuperación de 18.000 hectáreas de terras abandonadas que se destinarán á produción de cereal e ao cultivo de lino que servirá de materia prima para a futura fábrica de fibras textís prevista.

Esta actividade económica permitirá, segundo a Xunta, un crecemento demográfico no medio rural para o que será necesario recuperar vivendas nesta contorna e por iso a Consellería de Medio Rural actuará sobre edificacións que son propiedade da Administración autonómica ou que están en manos dos concellos, pero tamén contempla a posibilidade de comprar casas a particulares para reformalas. A rehabilitación levaríase a cabo pola propia Xunta en solitario ou en colaboración cos concellos. Tamén se estuda a opción de destinar parte dos fondos europeos captados a axudas a particulares para que melloren os seus inmobles.

As casas rehabilitaranse respetando as edificacións tradicionais pero aplicando criterios bioclimáticos, de eficiencia enerxética e integración paisaxística e ademais incluirán aplicacións TIC para o aprovisionamento de “e-servizos”, é dicir, terán conetividade a internet que facilitará, por exemplo, a atención sanitaria no domicilio ou a implantación de sistemas de teleasistencia.

Fonte | Faro de Vigo