As dúas liñas de rehabilitación da Xunta dirixidas aos concellos garantirán o acceso a unha vivenda a case 70 familias de 32 municipios galegos | Observatorio de Vivenda

As dúas liñas de rehabilitación da Xunta dirixidas aos concellos garantirán o acceso a unha vivenda a case 70 familias de 32 municipios galegos

As dúas liñas de rehabilitación da Xunta dirixidas aos concellos garantirán o acceso a unha vivenda a case 70 familias de 32 municipios galegos

A Xunta de Galicia acaba de resolver as axudas de dous programas de rehabilitación, dirixidos aos concellos, que permitirán a recuperación de case 70 inmobles en 32 municipios galegos, e que recibirán preto de 2 millóns de euros en subvencións autonómicas.

Trátase do programa para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal, que na convocatoria deste ano se resolveu coa concesión de axudas a 25 concellos, por un importe de 1,7 millóns de euros, cos que colaborar na rehabilitación de 47 vivendas. A segunda liña resolta, a de infravivenda, concede 9 subvencións que suman un importe de case 280.000 euros e que permitirán a outros tantos municipios recuperar 21 inmobles.

Do total, 24 vivendas serán rehabilitadas a través da convocatoria de 2021 deste programa de vivendas de titularidade municipal e están situadas na provincia de Ourense, unha delas precisamente en Cartelle e o resto na Veiga (8), Riós (2), ou Trives (1) entre outros.

Mentres, na provincia da Coruña as axudas foron concedidas a Santiso (1 vivenda), Curtis (2) e A Baña (2); na provincia de Lugo, a Alfoz (1), Sarria (5), A Fonsagrada (2), O Corgo (1), Paradela (2), Sober (1) e Mondoñedo (1); e, na provincia de Pontevedra, a Dozón (1), A Lama (2), Forcarei (1) e Crecente (1).

No caso das axudas de infravivenda, irán destinadas a Coristanco (1 vivenda), Trazo (3), Cervantes (1), A Veiga (2), Carballeda de Avia (2), A Lama (3), Moraña (3), Fornelos de Montes (1) e As Neves (5).

Ambas liñas de axudas teñen un dobre beneficio: o de facilitar un fogar digno ás persoas que o necesitan e o de recuperar unha zona degradada, dotala de vida e enchela de xente que quede a vivir nestas localidades máis pequenas.

Tendo en conta eses dous retos, a Xunta non pode deixar de lado aos municipios que queren mellorar o seu parque público de vivenda; polo que con estes incentivos se evita que os concellos asuman o 100% do custo dos traballos para recuperar inmobles que, en cada caso, requirirán renovar as cubertas, cambiar carpinterías exteriores, rehabilitar fachadas e acondicionar os accesos, entre outras actuacións.

 

Fonte | Instituto Galego de Vivenda e Solo