Feijóo incide no compromiso da Xunta en materia de vivenda, reflectido no primeiro Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, do que se beneficiarán 70.000 familias | Observatorio de Vivenda

Feijóo incide no compromiso da Xunta en materia de vivenda, reflectido no primeiro Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, do que se beneficiarán 70.000 familias

Feijóo incide no compromiso da Xunta en materia de vivenda, reflectido no primeiro Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, do que se beneficiarán 70.000 familias

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu no compromiso da Xunta en materia de vivenda reflectido no primeiro Pacto social pola vivenda 2021-2025, asinado en xaneiro de 2021 por todos axentes. Unha iniciativa que destinará 433 millóns de euros ao desenvolvemento das políticas públicas en materia de vivenda, rehabilitación e solo residencia; e que aspira a mobilizar un investimento público-privado de 1.080 millóns de euros, ademais de beneficiar a 70.000 familias.

Nesta liña, recordou tamén o esforzo da Administración autonómica levado a cabo nos últimos anos para facilitar o acceso á vivenda, a través de programas de axudas ao alugueiro, á rehabilitación ou á adquisición. Un esforzo que fixo posible: que máis de 23.000 persoas se beneficiasen das axudas ao alugueiro; levar a cabo a rehabilitación de máis de 7.000 vivendas en 2021 —279 delas por iniciativa dos concellos—; que preto de 500 mozos menores de 35 anos puidesen adquirir unha vivenda en concellos pequenos; ou que 42.000 persoas se beneficiasen da baixada dos impostos vinculados á adquisición de vivendas.

Así mesmo, precisou que neste 2022 a Xunta conta cun orzamento de 124 millóns de euros para promover a construción de 2.293 vivendas -512 de promoción pública, 65 rehabilitadas a través do Rexurbe e 1.716 vivendas protexidas en relación ao solo residencial-.

Sobre este punto, referiuse a modo de exemplo á situación en concellos como o de Vigo, que leva un ano sen outorgar a licenza de urbanización para desenvolver a ampliación do polígono de Navia; o de Ferrol, onde a Xunta segue pendente das licenzas para rehabilitar máis dunha decena de edificios no centro histórico; “ou o de Lugo, onde nove meses despois, seguimos á espera da licenza de ocupación tras rematar varias vivendas”, engadiu.

Durante a súa intervención no Pleno da Cámara para responder ás preguntas do grupos, o titular do Goberno galego propuxo hoxe no Pleno da Cámara un pacto para transparentar o tempo medio de outorgamento de licenzas nos concellos de Galicia en favor da vivenda pública.

“Sería un gran pacto”, aseverou Feijóo, lamentando que algúns alcaldes estean a bloquear as actuacións da Xunta para construír, rehabilitar ou urbanizar solo residencial, co fin de poñer á disposición dos veciños máis vivendas públicas.

Feijóo aproveitou a súa intervención para pedir novamente ao Goberno central que rectifique sobre o proxecto de Lei de vivenda, que invade, tal e como advertiron a Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial, as competencias das comunidades.

Fonte | Xunta de Galicia