Fernández-Tapias lémbralle ao Concello de Vigo que ten sen executar 6 millóns de euros para a recuperación das 8 áreas de rehabilitación de Vigo | Observatorio de Vivenda

Fernández-Tapias lémbralle ao Concello de Vigo que ten sen executar 6 millóns de euros para a recuperación das 8 áreas de rehabilitación de Vigo

 Fernández-Tapias lémbralle ao Concello de Vigo que ten sen executar 6 millóns de euros para a recuperación das 8 áreas de rehabilitación de Vigo

 

  • Os beneficiarios dos fondos son os propietarios de inmobles emprazados no Casco Vello, Casco Histórico de Bouzas, rúas Bueu-Moaña (Coia), Grupo Santa Clara, Espiñeiro-Teis, Beiramar, San Roque e San Pablo
  • As ARI de Vigo foron as máis beneficiadas na asignación que fixo a Xunta en 2021, con máis de 2 millóns, o que supuxo unha quinta parte do total de Galicia

 

 

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, lembroulle este luns ao Concello de Vigo que a día de hoxe están sen executar algo máis de 6 millóns de euros destinados á recuperación das oito áreas de rehabilitación integral (ARI) coas que conta a cidade.

Desde 1998 asignáronse a Vigo máis de 18 millóns de euros para a realización de actuacións de rehabilitación en vivendas e edificios de vivendas nas catro primeiras ARI. Neste momento, os convenios en marcha suman un total de 8 millóns de euros, dos cales 6 están pendentes de executar e, polo tanto, só unha cuarta parte foron efectivos.

Cómpre lembrar que as ARI de Vigo foron as máis beneficiadas na asignación que fixo a Xunta en 2021 —o último reparto efectuado—, con máis de 2 millóns, o que supuxo unha quinta parte do total de Galicia.

Así mesmo, o ano pasado, Xunta deu vía libre á proposta para declarar catro novas zonas de reforma en vivendas e ámbitos. Así, ás catro xa existentes do Casco Vello, Casco Histórico de Bouzas, rúas Bueu-Moaña (Coia) e Grupo Santa Clara (Cabral), incorporáronse as de Beiramar, San Pablo, San Roque e Espiñeiro-Teis.

No caso dos concellos que dispoñen de máis dunha ARI declarada no seu ámbito, como é o caso de Vigo, é a propia administración municipal a encargada de realizar a distribución dos fondos entre as mesmas. Ademais, o Concello deberá regular os prazos para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios de vivenda interesados na súa rehabilitación.

Fuente.- Xunta de Galicia