Máis de 200 mozos galegos solicitaron unha axuda para comprar unha vivenda nos concellos de menos de 5.000 habitantes | Observatorio de Vivenda

Máis de 200 mozos galegos solicitaron unha axuda para comprar unha vivenda nos concellos de menos de 5.000 habitantes

Máis de 200 mozos galegos solicitaron unha axuda para comprar unha vivenda nos concellos de menos de 5.000 habitantes

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa recibiu máis de 200 solicitudes de mozos galegos para acceder a unha axuda do programa para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos. A convocatoria deste ano, que segue aberta ata o 1 de setembro, conta cun orzamento de 800.000 euros.

Así, todas as persoas que desexen acollerse a esta programa poderán adquirir unha vivenda que terá que estar xa construída —sexa nova ou usada— e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.

Grazas a este programa facilítase o acceso á unha primeira vivenda en propiedade á xente nova, ao tempo que se contribúe ao asentamento da mocidade en concellos menos poboados e de áreas rurais.

Só a través da convocatoria do ano pasado o IGVS axudou a 120 galegos de menos de 35 anos na compra da súa vivenda habitual, unha cifra á que hai que sumar as 221 subvencións concedidas ao abeiro das dúas ordes anteriores. En total, xa son máis de 340 os mozos e mozas galegos que desde 2018 puideron ter este apoio económico da Xunta para formar o seu fogar.

Este é, precisamente, un dos obxectivos do Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por dez entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.

 

Fonte Xunta de Galicia