Máis de 7.000 familias galegas beneficiaranse este ano dos programas de vivenda da Xunta | Observatorio de Vivenda

Máis de 7.000 familias galegas beneficiaranse este ano dos programas de vivenda da Xunta

 Máis de 7.000 familias galegas beneficiaranse este ano dos programas de vivenda da Xunta
  • A conselleira de Medio Ambiente defende no Parlamento as medidas impulsadas polo Goberno galego neste eido co fin de adaptar as súas políticas á nova realidade socioeconómica e ás necesidades actuais dos cidadáns

 

  • En materia de vivenda protexida, salienta que o seu departamento ten en construción ou en rehabilitación case 160 inmobles cun investimento de 22 millóns
  • Asegura que os tres grandes eixes que guían a actuación da Xunta son o impulso á creación de máis vivenda protexida, a aposta polo alugueiro en atención ao número crecente de demandantes e o apoio aos colectivos máis desfavorecidos
  • Galicia será o próximo ano unha das comunidades coa tributación máis baixa no que respecta á compra de inmobles usados grazas á rebaixa do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais anunciada pola Xunta na presentación dos orzamentos 

 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018-. Máis de 7.000 familias galegas beneficiaranse este ano dalgunhas das medidas impulsadas pola Xunta co fin de mellorar e facilitar o acceso á vivenda na comunidade. Así o asegurou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que compareceu no Parlamento para explicar as liñas de actuación do seu departamento en materia de vivenda protexida e algunhas das novidades que se porán en marcha o próximo ano.

Neste sentido, os tres grandes eixes que guían as políticas de vivenda da Xunta, segundo detallou a conselleira, son o impulso á vivenda protexida, a través tanto de nova construción como pola vía da rehabilitación, a aposta polo alugueiro en resposta á tendencia actual de incremento da demanda desta modalidade, e o compromiso cos colectivos máis desfavorecidos para garantirlles o acceso a axudas cando estean afectados por procesos de desafiuzamento.

Así, Vázquez Mejuto referiuse ao impacto que están a ter na actualidade estas políticas, con case 160 vivendas protexidas en marcha nestes momentos: 129 de nova construción e 28 máis que están a ser rehabilitadas para poñelas a disposición dos cidadáns cun investimento de 22 millóns. Este dato reflicte, en palabras da conselleira, que o Goberno galego segue a apostar pola vivenda de promoción pública, poñendo o foco nas grandes cidades onde a demanda é maior, pero tamén con programas e axudas específicas nos concellos pequenos.

De cara ao vindeiro ano, a conselleira explicou que o seu departamento seguirá na mesma liña de actuación, apostando por unhas políticas de vivenda que responden e se adaptan á actual realidade social e económica e ás novas demandas da sociedade galega, co obxectivo de que a cifra de familias ás que se chegou en 2018 siga incrementándose. Con este obxectivo, lembrou que o orzamento total da consellería para atender as súas competencias en materia de vivenda, solo residencial e empresarial roldará os 120 millóns de euros, un 2,7% máis que o este ano.

Concretamente e co fin de poñer a disposición dos cidadáns máis vivendas de protección, referiuse aos preto de 20 millóns de euros que se mobilizarán nos orzamentos de 2019 para a construción de novos inmobles, axudas á adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes ou a promoción e o desenvolvemento de solo residencial para seguir ampliando o parque de vivendas protexidas.

En materia de rehabilitación, un aspecto para o que nos orzamentos do próximo ano se reservan case 36 millóns de euros, Vázquez Mejuto explicou que seguirá sendo unha vía importante de actuación a través de programas como o Rexurbe para lograr incorporar ao parque de vivendas dispoñibles, inmobles actualmente baleiros e que están localizados principalmente en núcleos históricos.

En canto ás políticas de alugueiro, a titular de Vivenda explicou que nestes momentos todos os indicadores apuntan a que a tendencia actual é que os cidadáns se inclinen máis por vivir en réxime de aluguer. En resposta a esta demanda, a Xunta seguirá fomentando o alugueiro a través da mobilización de vivendas desocupadas para incorporalas ao actual parque público de inmobles en réxime de aluguer e á vez, articulará axudas a promotores, concellos e cooperativas para que se animen a construír vivendas en alugueiro cunha obriga de destino de 25 anos, un programa dotado con 2,3 millóns en 2019.

Por último, a conselleira reafirmou o compromiso da Xunta coas políticas e os programas dirixidos a garantir o acceso a unha vivenda digna aos colectivos máis desfavorecidos. En concreto, referiuse aos afectados por desafiuzamentos, dándolle continuidade ás 12 medidas pensadas especificamente para atender estes casos e dotadas con 2,6 millóns de euros, e mantendo en funcionamento o Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias e o Bono de Alugueiro Social (que disporá en 2019 de 2,2 millóns).

Novidades fiscais

Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén se referiu a unha importante novidade fiscal prevista nos orzamentos da Xunta de 2019: a rebaixa do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais para a compra de vivenda usada para uso habitual. Esta taxa pasará do 8% ao 7% neste tipo de transaccións e en caso de que o comprador poida acreditar a súa condición de familia numerosa, sexa unha persoa con discapacidade ou teña menos de 36 anos a rebaixa pasará do 4% ao 3%.

Con esta revisión fiscal, a conselleira estimou que aproximadamente uns 10.000 galegos pagarán cada ano menos impostos ao acceder a unha vivenda destas características, unha medida que converterá a Galicia, dixo, nunha das comunidades coa tributación máis baixa neste eido. 

Fonte.- Xunta de Galicia