Medio Ambiente destinará en 2021 máis de 12 millóns de euros para incrementar a oferta de vivenda no concello de Vigo | Observatorio de Vivenda

Medio Ambiente destinará en 2021 máis de 12 millóns de euros para incrementar a oferta de vivenda no concello de Vigo

Medio Ambiente destinará en 2021 máis de 12 millóns de euros para incrementar a oferta de vivenda no concello de Vigo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou que no vindeiro ano o departamento que dirixe disporá de máis de 12 millóns de euros para incrementar a oferta de vivenda na Cidade olívica.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que unha porcentaxe importante deste investimento, un 64%, servirá para impulsar no vindeiro ano o novo barrio da cidade, San Paio de Navia, pois se disporán 8 millóns de euros para levar a cabo as expropiacións e obras de urbanización da ampliación do Polígono de Navia. Deste xeito, nese mesmo ano se poderá iniciar a comercialización das primeiras parcelas para que empresas e cooperativa se fagan coa titularidade dos terreos e iniciar así a edificación de 1.600 vivendas públicas.

Outra partida importante é a relativa ao Casco Vello de Vigo, que duplica o investimento de 2020; polo que o vindeiro ano o Consorcio do Casco Vello xestionará case 3,2 millóns de euros. Grazas a este novo orzamento, que se suma aos 27 xa mobilizados, darase continuidade á rehabilitación de vivendas nesta zona histórica da Cidade olívica, no que xa se recuperaron máis de 100 vivendas e 33 locais, cos que se dinamiza a vida familiar, social, cultural e económica.

O compromiso en materia de vivenda en Vigo tamén se visualiza coa posta a disposición de vivenda de promoción pública para os vigueses. En total, 62 vivendas para ás que se reservarán 1,34 millóns de euros para o seu remate. 

A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou unha liña de axudas que permitirá mellorar o estado dos inmobles. O Instituto Galego de Vivenda e Solo xestionará os 5,5 millóns de euros cos que se dota a liña de axudas de eficiencia enerxética en edificios existentes no 2021. As solicitudes poderán presentarse a comezos de ano e están dirixidas aos propietarios de vivendas e ás comunidades de propietarios, co fin de que melloren a envolvente térmica ou que aposten polas enerxías renovables nas súas instalacións térmicas.

Fonte | Xunta de Galicia