Medio Ambiente e concello de Santiso estudarán as mellores fórmulas para habilitar novas vivendas protexidas no municipio | Observatorio de Vivenda

Medio Ambiente e concello de Santiso estudarán as mellores fórmulas para habilitar novas vivendas protexidas no municipio

Medio Ambiente e concello de Santiso estudarán as mellores fórmulas para habilitar novas vivendas protexidas no municipio
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde co alcalde, Manuel Adán, quen lle trasladou tamén o seu interese en dispoñer de solo industrial para acoller novas iniciativas empresariais no concello

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Santiso, Manuel Adán, colaborarán co fin de buscar a mellor fórmula para que o concello poida cumprir co seu obxectivo de poñer a disposición dos seus veciños novas vivendas protexidas. Así o comprometeron a responsable autonómica e o rexedor esta tarde no transcurso dunha reunión de traballo na que abordaron diversos asuntos de interese para o concello.

Para poder levalo a cabo, ambas institucións estudarán as distintas opcións dispoñibles, entre elas, a vía das axudas para a rehabilitación de vivendas de mestres, unha liña de subvencións á que xa se acollera o Concello de Santiso no ano 2017 para executar os traballos de recuperación dunha vivenda.

Neste sentido, a responsable autonómica amosou a súa máxima disposición a traballar da man do Goberno municipal para poder atender a súa demanda e lembrou que precisamente as políticas en materia de vivenda son unha ferramenta moi efectiva á hora de lograr a dinamización do medio rural e de fixar poboación nos concellos máis pequenos.

Por outra banda, o rexedor tamén aproveitou a xuntanza para trasladarlle á conselleira o seu interese en dispoñer de máis solo industrial para poder albergar novas iniciativas empresariais no concello. Neste sentido, cómpre lembrar que un dos obxectivos dos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o ano 2019 é impulsar a creación de solo produtivo sempre de forma ordenada e en función da demanda existente en cada zona.
 

Fonte.- Xunta de Galicia