Medio Ambiente financiará con case 30.000 euros a rehabilitación de tres antigas vivendas de mestres no concello de Bande | Observatorio de Vivenda

Medio Ambiente financiará con case 30.000 euros a rehabilitación de tres antigas vivendas de mestres no concello de Bande

Medio Ambiente financiará con case 30.000 euros a rehabilitación de tres antigas vivendas de mestres no concello de Bande

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 27.632,78 euros ao Concello de Bande (Ourense) para axudalo a financiar a rehabilitación de tres vivendas unifamiliares adosadas de titularidade municipal e que levan varios anos en desuso.

Con este fin, asináronse telematicamente tres convenios de colaboración (un por cada unha das vivendas a rehabilitar) que lle darán acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar a concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Os inmobles nos que se quere intervir, trátanse dunhas antigas vivendas de mestres propiedade do Concello e integradas nun conxunto de seis adosados en fileira.

Na convocatoria de axudas para rehabilitar vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios de titularidade municipal do ano 2018, o Concello de Bande xa recibira unha axuda da Consellería de Medio Ambiente para intervir sobre tres destas vivendas e en 2019 resultou beneficiario doutra subvención para rehabilitar as outras tres.

Grazas a este novo convenio con cargo ao Fondo de Cooperación, o Concello de Bande poderá completar a rehabilitación deste conxunto de inmobles unifamilares, que incorporará ao mercado como vivendas en réxime de alugueiro a prezo reducido.

Fonte | Xunta de Galicia