Medio Ambiente traballa nun pacto social pola vivenda con dez novas medidas para os vindeiros cinco anos | Observatorio de Vivenda

Medio Ambiente traballa nun pacto social pola vivenda con dez novas medidas para os vindeiros cinco anos

Medio Ambiente traballa nun pacto social pola vivenda con dez novas medidas para os vindeiros cinco anos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a ultimar o documento que está chamado a ser “o Pacto Social pola Vivenda” e que recollerá dez novas medidas que guiará a acción do Goberno nos vindeiros cinco anos para facilitar un fogar sostible e respectuoso co medio ambiente aos galegos. Indicou que se trata dun primeiro documento, “non pechado e aberto a cambios”; coa finalidade de que os actores implicados, cidadanía e sector, poidan facer as súas achegas e “conseguir unha estratexia consensuada, realista e, o máis importante, efectiva”. Isto significa que se aposta polo diálogo social escoitando as necesidades das familias e das empresas.

A proposta que está a ultimar o IGVS para o período 2021-2025 é un documento no que se abordou o acceso á vivenda desde todos os puntos de vista, unha proposta de folla de ruta que conta con medidas novidosas e que tamén suma ás que xa están en marcha e recollendo éxitos, como o programa de rehabilitación de vivendas de mestres, grazas ás case 50 medidas se investiran uns 300 millóns de euros para axudar a 40.000 fogares galegos.

As medidas que se porán en marcha, previa consulta e consenso cos implicados, apostan principalmente polo alugueiro, a rehabilitación de vivendas e loita contra a exclusión residencial. Nese sentido, impulsarse o acceso dos colectivos máis desfavorecidos, activando unha nova liña de axuda á compra de vivendas protexidas de ata 20.000 euros para familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o Iprem, que poderán ser de nova construción ou unha rehabilitación. Tamén se quere poñer en marcha un novo programa de alugueiro con opción a compra destinado a menores de 35 anos, co obxectivo de facilitar a emancipación dos mozos, permitindo que orienten a súa vida laboral antes de tomar a decisión de adquirir unha vivenda.

Para fomentar o alugueiro daquelas vivendas baleiras, estableceranse novos incentivos aos propietarios, con axudas de ata 6.000 euros a cambio da cesión en réxime de usufruto e xestión do alugueiro por parte do IGVS.

Asemade, destacou unha última medida deste Pacto social pola Vivenda: a convocatoria de de axuda a parques empresariais locais, co obxectivo de desenvolver pequenas áreas locais que faciliten o asentamento empresarial ou comercial en zonas menos poboadas.

 

Fonte | Xunta de Galicia