O Casco Vello de Vigo contará cun albergue de peregrinos nun edificio cedido polo consorcio do Casco Vello de Vigo , participado polo IGVS nun 90 por cento | Observatorio de Vivenda

O Casco Vello de Vigo contará cun albergue de peregrinos nun edificio cedido polo consorcio do Casco Vello de Vigo , participado polo IGVS nun 90 por cento

O Casco Vello de Vigo contará cun albergue de peregrinos nun edificio cedido polo consorcio do Casco Vello de Vigo , participado polo IGVS nun 90 por cento

Vigo, 31 de maio de 2018.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido hoxe baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou a constitución dun dereito de superficie a favor da Axencia Galega de Turismo, o que permitirá a creación na zona do Berbés dun albergue que dará servizo aos peregrinos que realicen o Camiño Portugués. En concreto, a leira sobre a que se realiza esta actuación é a situada na Praza do Berbés 5, adquirida en 2016 polo CCVV, e na que está prevista un investimento próximo ao millón de euros para crear unha dotación turística con noventa prazas, que contribuirá de maneira singular á recuperación desta zona de Vigo. 

Neste sentido a memoria xustificativa do outorgamento deste dereito de superficie recolle cinco puntos que explican a importancia desta actuación: 

- Permite a rehabilitación arquitectónica dun inmoble catalogado. 
- Diversifica usos, incorporando á zona vella unha actividade de servizos non existente na actualidade. 
- Diversifica a actividade da zona no aspecto temporal xa que se desmarca dos horarios en que se desenvolve a actividade hostaleira, maioritaria na zona vella da cidade. 
- Achega un movemento de persoas ao centro da zona vella en horario diúrno que propicia o desenvolvemento doutras actividades. 
- Resulta absolutamente compatible co uso residencial. 

A concesión administrativa realízase por un período de 40 anos, prorrogable, e condicionada á realización das obras necesarias para o acondicionamento da leira cedida nun prazo de tres anos. 

A propiedade na que se construirá este “Albergue de Peregrinos” é unha casa de planta baixa e piso principal, cun pequeno patio no seu parte posterior na que se edificou unha vivenda, con saída á rúa Peñasco, comunicada coa anterior, formando unha única leira de 258 metros cadrados. Tivo usos hosteleiros e na actualidade atópase en estado ruinoso. Moi próxima á mesma estase realizando tamén outra das maiores intervencións de recuperación da fachada marítima de Vigo: a construción da nova sede institucional da Universidade de Vigo, un proxecto xa en marcha e que tamén se realiza sobre edificios adquiridos no seu día polo CCVV, cedidos agora á institución educativa. 

Elduayen 31 

Por outra parte o Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) aprobou esta mañá a adquisición do solar situado na rúa Elduayen 31 de Vigo; no mesmo existía con anterioridade unha vivenda de planta baixa e dous pisos que foi demolida polos anteriores propietarios e que agora será rehabilitada para crear na mesma vivendas de protección autonómica, de acordo cos obxectivos fundacionais deste organismo. 

O solar ten unha superficie de 231 metros cadrados, dos que 125 corresponderían á superficie edificada e o resto a terreo anexo, a resalido. Ten tamén saída á rúa Ferrería. Conta con licenza de rehabilitación pero ata o momento tan só realizouse a demolición da vivenda preexistente e parte da cimentación. 

Coa aprobada hoxe o Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, adquiriu xa un total de 75 edificios na súa área de actuación, e construíu un total de 104 vivendas, no seu maior parte xa ocupadas por novos veciños, ben en réxime de propiedade ou ben en aluguer. Na actualidade o CCVV atópase en pleno proceso de rehabilitación de dúas novas promocións na zona alta do Casco Vello, en concreto nas rúas Cruz Verde 8 e Ferrería 8, que dotarán á zona de dúas novas vivendas unifamiliares . Así mesmo atópanse en distintas fases de tramitación outros proxectos para executar en catro edificios adquiridos nos dous últimos anos.

Consorcio Casco Vello de Vigo

O Consorcio do Casco Vello de Vigo é un organismo creado para a rehabilitación do Casco Vello, no que o Instituto Galego da Vivenda e Solo mantén o 90 por cento do capital.

Fonte.- IGVS