O concello de Oleiros planea vender oito parcelas para construir 33 vivendas de prezo libre | Observatorio de Vivenda

O concello de Oleiros planea vender oito parcelas para construir 33 vivendas de prezo libre

O concello de Oleiros planea vender oito parcelas para construir 33 vivendas de prezo libre

O concello de Oleiros ten á venda oito parcelas por un montante de dous millóns de euros sobre as que se construirían ata 33 vivendas a prezo libre. En total, suman 4.500 metros cadrados de superficie que están ubicados nas rúas Obelisco e Francisco Lloréns, de Oleiros; Bélxica e Alemaña, da urbanización de Xaz, de Dorneda; Eduardo Galeano e Curros Enríquez, de Mera, e avenida de Espoz e Mina, de Iñás. 

Segundo fontes municipais, tres das oito parcelas destínanse á construción de pisos e sobre 1.500 metros cadrados poden edificarse 24 vivendas. O resto de solares están dedicados a nove vivendas unifamiliares. Os prezos oscilan entre os 735.000 euros que custa o solar de Mera sobre o que se poden edificar 15 pisos e os 94.300 que custa un terreo na avenida de Espoz e Mina, de Iñás, para unha vivenda unifamiliar. O Goberno local, que preside Ángel García Seoane, indica que o montante obtido destinarase a financiar novas obras e ao mantemento dos servizos públicos. As persoas interesadas en adquirir algún dos solares poden informarse na web ou na secretaria do Concello. 

Así mesmo, o Concello sinala que as persoas que desexen adquirir un piso a prezo inferior ao do mercado libre poden aínda preinscribirse para optar a participar en cooperativas de vivendas en Perillo, Dorneda e Mera. Nestas zonas, está previsto que se constrúan 54 vivendas: trece na rúa Doa Emilia, de Perillo; dezanove en Eduardo Galeano, de Mera, e vinte e dúas na urbanización de Xaz, en Dorneda.

Fonte.- El Ideal Gallego