O Concello de Vigo anuncia un programa para rehabilitar 13.000 vivendas baleiras para alugueiro | Observatorio de Vivenda

O Concello de Vigo anuncia un programa para rehabilitar 13.000 vivendas baleiras para alugueiro

O Concello de Vigo anuncia un programa para rehabilitar 13.000 vivendas baleiras para alugueiro

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou recentemente que está sobre a mesa un programa para recuperar ata 13.000 fogares baleiros na cidade que se destinarían a alugueiro habitacional, sobre todo dirixido á xente nova. Para este cometido, financiará ata o 50% das actuacións para arranxar os danos de fogares pertencentes a unha persoa física, cun máximo de 8.000 euros. Deste modo, esta axuda só afectaría a inmobles pertencentes a particulares, e non a empresas. 

A axuda financeira, para a cal prevese un investimento de 150.000 euros ao longo deste ano, está dirixida a aqueles fogares que non se atopan en bo estado para ser alugados e necesitan certos arranxos en pintura, fontanería, instalación eléctrica ou cambio de xanelas, entre moitas outras cousas. Todo iso “posto polo Concello a fondo perdido”, financiando tamén o 100% na obtención da certificación enerxética e a totalidade do seguro de falta de pagamento.

Para acceder a esta axuda, os propietarios deben cumprir unha serie de requisitos: non ter máis de 3 vivendas ao seu nome, ter unha renda por debaixo dos 70.000 euros anuais, non ter débedas co Concello e que non exista ningún residente empadroado nin ningún contrato de alugueiro asinado na vivenda para rehabilitar desde seis meses antes de solicitar a subvención. 

Fonte.- Atlántico