O Consorcio Casco Vello de Vigo intensifica o seu Plan de actuación e anuncia a compra de 25 edificacións ata 2025 | Observatorio de Vivenda

O Consorcio Casco Vello de Vigo intensifica o seu Plan de actuación e anuncia a compra de 25 edificacións ata 2025

O Consorcio Casco Vello de Vigo intensifica o seu Plan de actuación e anuncia a compra de 25 edificacións ata 2025

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada Territorial da Xunta, informou da aprobación no seo do consello de administración do organismo rehabilitador do Plan de Actuación que contempla a intensificación do labor desenvolvido ata o de agora coa compra de 25 novas edificacións nos vindeiros catro anos.

Cun conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados, suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio. Para a consecución destes obxectivos, será clave a incorporación de 15 inmobles incluídos no Programa Municipal de Edificación Forzosa aprobado polo Concello de Vigo no 2019.

A presidenta do CCVV defendeu a necesidade de darlle continuidade ao valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.

Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de promoción autonómica (VPA) e 33 locais. 

 

Fonte | Xunta de Galicia