O goberno galego asina o convenio para construír co apoio de fondos europeos 27 vivendas en Esturáns, en Vigo | Observatorio de Vivenda

O goberno galego asina o convenio para construír co apoio de fondos europeos 27 vivendas en Esturáns, en Vigo

O goberno galego asina o convenio para construír co apoio de fondos europeos 27 vivendas en Esturáns, en Vigo

A Xunta de Galicia asinou hoxe o convenio co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e co Concello de Vigo para a construción de 27 vivendas en Esturáns. Todas estas vivendas deberán destinarse ao alugueiro a prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.

O acordo permitirá materializar a axuda concedida pola Xunta ao Concello o pasado mes de setembro no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e que rolda os 1,2 millóns de euros para un investimento total de preto de 4,5 millóns de euros.

O proxecto presentado polo Concello ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé a construción dun inmoble de nove andares, máis baixo e tres sotos, que acollerá un total de 27 vivendas ademais das correspondentes prazas de garaxe e rochos.

Esta actuación enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada pola Xunta en marzo deste ano e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026.

Ademais do acordo de Vigo, a Xunta asinou hoxe os convenios para cofinanciar 306 vivendas de promoción pública que construirán o Concello da Coruña e dúas cooperativas en Xuxán así como un acordo para cofinanciar con fondos europeos a rehabilitación de 24 inmobles adquiridos polo Executivo galego nos conxuntos históricos de Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia.

Fonte.- Xunta de Galicia