O IGE publica a Enquisa estrutural a fogares: Vivendas familiares. Características e medio para o ano 2020 | Observatorio de Vivenda

O IGE publica a Enquisa estrutural a fogares: Vivendas familiares. Características e medio para o ano 2020

O IGE publica a Enquisa estrutural a fogares: Vivendas familiares. Características e medio para o ano 2020

O IGE publicou recentemente a "Enquisa estrutural a fogares: Vivendas familiares. Características e medio" cos últimos datos dispoñibles, que corresponden ao ano 2020.

O obxectivo principal desta estatística é obter información sobre as características socioeconómicas dos fogares galegos e consta de dúas partes: unha primeira de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñada para recoller información sobre variables básicas, e unha segunda de carácter específico. O principal obxectivo deste módulo de "Características e medio" que acaba de ser publicado é obter información sobre as características das vivendas, as infraestruturas da súa contorna e o equipamento dos fogares.

Así, neste módulo recolle información relativa a:

  • Características básicas das vivendas
  • Equipamentos, instalacións e servizos
  • Nivel de satisfacción coa vivenda e o seu contorno físico e social
  • Cambios de vivenda dos fogares

Así, segundo esta estatística, no ano 2020 existían en Galicia 1.068.882 fogares, dos cales o 34,75% residía en vivendas familiares principais con 50 ou máis anos de antigüidade, o 47,74% en vivendas con entre 20 e 49 anos de antigüidade, o 15,58% en vivendas con entre 10 e 19 anos e o 1,93% restante, en vivendas con menos de 10 anos dende a construción e case a metade delas erna vivendas unifamiliares (49,13%).

Por outra parte, o 61,36% dos fogares galegos residía en vivendas que eran da súa propiedade e non estaban suxeitas a hipoteca en 2020, mentres que os fogares con vivenda en propiedade e con hipoteca supoñían o 17,11% e os fogares con vivendas en aluguer o 14,81%. Ademáis, os gastos totais da vivenda supoñían unha carga pesada para o 40,56% dos fogares galegos no ano 2020.

En canto ás infraestruturas, no ano 2020 o 99,63% dos fogares de Galicia dispoñía de auga quente nas súas vivendas (1.064.956 fogares) e o 75,48% dispoñía de calefacción (806.768 fogares) e en relación cos servizos exteriores, o 84,84% dos fogares tiña conexión pública de augas residuais na súa vivenda e unha porcentaxe moi similar (84,53%) conexión á rede pública de auga potable.

Fonte | IGE