O IGVS formará a 10 graduados en titulacións relacionadas coa vivenda e o urbanismo para facilitar a súa inserción laboral | Observatorio de Vivenda

O IGVS formará a 10 graduados en titulacións relacionadas coa vivenda e o urbanismo para facilitar a súa inserción laboral

O IGVS formará a 10 graduados en titulacións relacionadas coa vivenda e o urbanismo para facilitar a súa inserción laboral

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocará este ano 10 bolsas formativas dirixidas a titulados nos graos de Arquitectura, Arquitectura Técnica, Dereito e Economía para darlles a oportunidade de realizar prácticas complementarias aos seus estudos e favorecer así o seu acceso ao mercado de traballo pola vía da especialización en materias relacionadas coa vivenda.

O obxectivo é facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos teóricos que ofrecen estas catro ramas, así como favorecer o acceso ao mercado laboral de estudantes que rematasen recentemente a súa formación superior e non teñan aínda un emprego remunerado ou unha bolsa similar.

De feito, durante as súas prácticas no IGVS, estes novos profesionais recibirán formación en materias relacionadas coa construción e promoción de vivenda pública, a tramitación do planeamento sectorial do solo e a redacción e xestión de plans e proxectos técnicos urbanísticos. Así mesmo, tamén adquirirán coñecementos e experiencia relativos ás funcións de contido xurídico, económico e contable derivadas das devanditas actuacións.

As prácticas terán unha duración de 12 meses, podendo prorrogarse por un novo período de 6 meses máis, e levarán asociado un custo de 126.000 euros. A previsión é que a vindeira semana se publique no DOG a convocatoria das 10 bolsas formativas e que os seleccionados se incorporen aos seus postos no mes de outubro.

Fonte | Xunta de Galicia