O oitenta por cento dos propietarios de vivendas afectadas polos incendios de xullo xa recibiron as axudas para a reconstrución | Observatorio de Vivenda

O oitenta por cento dos propietarios de vivendas afectadas polos incendios de xullo xa recibiron as axudas para a reconstrución

O oitenta por cento dos propietarios de vivendas afectadas polos incendios de xullo xa recibiron as axudas para a reconstrución

Das 90 solicitudes recibidas polo Goberno galego, 70 quedarán abonadas esta semana por un valor conxunto de 4,5 M€

“Comprometémonos e cumprimos. Non fixemos nada diferente ao que nos pide a xente, pero o mérito está en facelo rápido”, subliñou

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recalcou que oito de cada dez propietarios de vivendas afectadas polos incendios de xullo xa recibiron as axudas para a reconstrución, grazas á axilidade na concesión dos case 6 M€ habilitados polo Goberno galego para reparar danos nas edificacións das zonas afectadas, nas provincias de Lugo e Ourense. Das 90 solicitudes recibidas, 70 quedarán abonadas esta semana por un valor conxunto de 4,5 M€.

Nunha visita aos traballos de reconstrución de tres vivendas afectadas na aldea de Candeda, en Carballeda de Valdeorras, Rueda subliñou que desde os primeiros momentos a Xunta traballou con axilidade para aprobar axudas directas aos afectados. “Había dous xeitos de facelo: dicir que se vai facer e botar uns meses buscando os cartos ou facelo canto antes, e se non hai recursos, detraelos doutros sitios. Trátase de dar prioridade, e non se me ocorre nada máis prioritario que axudar a unha persoa que perdeu a súa vivenda”, afirmou.

Dentro desa batería de apoios, o Goberno autonómico activou unha liña para axudar con ata 122.000 € aos propietarios dunha vivenda habitual ou permanente, con ata 61.000 € para os titulares dunha vivenda ocasional e cun máximo de 15.000 € para recuperar o enxoval doméstico.

Segundo afirmou o presidente da Xunta, unha das leccións que deixaron os incendios foi a importancia de que as Administracións sexan rápidas na concesión das axudas. “Comprometémonos e creo que cumprimos. Non fixemos nada diferente ao que nos pide a xente. O mérito está en fácelo rápido”, subliñou. Así, mentres moitos afectados xa dispoñen dos recursos activados pola Xunta, o Goberno vén de publicar hai días a súa convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). 

No marco da visita, Rueda tamén tivo palabras de agradecemento cara o Clúster da Pizarra de Galicia, co que asinou un convenio para que os afectados poidan acceder a un 40% de desconto na lousa para a reconstrución dos tellados nas vivendas.

Outras axudas

O mandatario autonómico, ademais, fixo referencia ás outras axudas destinadas a resarcir os danos dos incendios. Entre elas, os 550.000 € postos a disposición dos concellos para recuperar as infraestruturas de uso público e os 300.000 € convocados para os tecores.  Por outra banda, tamén sinalou os 364.000 € destinados a axudar ás explotacións forestais, os 467.000 € para apoiar ás explotacións agrícolas e gandeiras e os 66.000 € investidos na reparación de establecementos comerciais.

Finalmente, o mandatario autonómico agradeceu o compromiso e a implicación dos alcaldes das zonas afectadas, dos dispositivos de emerxencias e dos técnicos da Xunta de Galicia para axilizar o pago das contías.

Fonte.- Xunta