Pontevedra convértese na terceira cidade galega máis cara para alugar | Observatorio de Vivenda

Pontevedra convértese na terceira cidade galega máis cara para alugar

Pontevedra convértese na terceira cidade galega máis cara para alugar

A freada do sector do ladrillo e o arrefriado da compravenda no mercado inmobiliario dispararon os arrendamentos urbanos, que nas grandes cidades de Galicia acumulan subas de entre o 7% e o 8% nos últimos doce meses.

Así, Pontevedra converteuse na terceira urbe galega máis cara para alugar un piso no centro urbano. Os prezos medios para un inmoble de cen metros cadrados están situados por encima dos 755 euros, un nivel que supera ao de concellos como Santiago e Ourense e que deixa moi atrás a Lugo ou Ferrol, onde os pisos das mesmas características están a ser arrendados máis ou menos por baixo dos 560 euros.

As zonas máis caras para alugar unha vivenda na Boa Vila seguen sendo Benito Corbal, Peregrina, Echegaray, praza de Barcelos ou Joaquín Costa, onde é habitual localizar ofertas por encima do mil euros.

As vivendas máis baratas para o alugueiro dentro do centro urbano localízanse en Mollabao, A Seca, O Burgo e Monteporreiro, onde aínda é posible acceder a un piso ou apartamento pequeno desde pouco máis de 300 euros.

Fonte | Diario de Pontevedra