Pontevedra, a segunda capital galega máis cara para comprar pisos de segunda man | Observatorio de Vivenda

Pontevedra, a segunda capital galega máis cara para comprar pisos de segunda man

Pontevedra, a segunda capital galega máis cara para comprar pisos de segunda man

Pontevedra é a segunda capital galega máis cara para comprar unha vivenda de segunda man, con prezos medios de 1.786 euros o metro cadrado, contando ademais con incrementos de prezos dun 0,5% durante o pasado mes de xullo, segundo datos do Índice Inmobiliario Fotocasa. O municipio máis custoso da comarca é Sanxenxo con 2.523 euros de media. Moi por enriba dos 1.786 euros por metro cadrado de Pontevedra sitúase A Coruña, con prezos de 2.325 euros por metro cadrado. Por debaixo de Pontevedra atopamos Ourense capital (1.563) e Lugo (1.465).

Os municipios máis caros de Galicia son Nigrán (2.845 euros) e Vigo (2.176 euros). Pontevedra é a provincia galega máis cara, custando de media 1.828 euros comprar un piso nun dos seus municipios. Tras Pontevedra sitúanse A Coruña con 1.606 euros de prezo medio, Ourense con 1.456 euros e Lugo con 1.162 euros por metro cadrado, segundo os datos de Fotocasa.

Os rexistros do portal sitúan no extremo contrario a Marín como o municipio que experimenta un maior descenso na valoración do seu parque inmobiliario, recollendo unha caída dos prezos da vivenda de segunda man nun 3,2% durante o pasado mes, situándose na actualidade en prezos de 972 euros por metro cadrado. Trátase ademais dunha caída continuada, xa que recolle unha variación interanual nestes momentos dun - 9,9%.

 

Fonte | Faro de Vigo