Rueda destaca que a Xunta xa está a traballar no compromiso de duplicar o parque público residencial de Galicia ata chegar ás 8.000 vivendas en 2028 | Observatorio de Vivenda

Rueda destaca que a Xunta xa está a traballar no compromiso de duplicar o parque público residencial de Galicia ata chegar ás 8.000 vivendas en 2028

Rueda destaca que a Xunta xa está a traballar no compromiso de duplicar o parque público residencial de Galicia ata chegar ás 8.000 vivendas en 2028

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a Xunta xa está a traballar para acadar o obxectivo de duplicar o parque público residencial ata chegar ás 8.000 vivendas en 2028.

Rueda lembrou que a consecución desta cifra é un “compromiso” de cara ao remate desta Lexislatura que está a piques de comezar. “Hai que empezar e comezamos xa”, aseverou en referencia a que este verán xa estarán en marcha as obras para rehabilitar ou construír arredor de 400 novos inmobles de promoción pública na comunidade.

O mandatario galego en funcións incidiu neste compromiso en Betanzos durante a entrega de chaves aos beneficiarios de tres vivendas públicas en réxime de alugueiro, a través do Programa Rexurbe de rehabilitación de inmobles en cascos históricos. Precisamente, esta localidade coruñesa foi a primeira en beneficiarse deste plan.

Neste caso, a Xunta vai destinar 5,5 millóns de euros para poñer á disposición dos cidadáns 22 novas vivendas e tres locais no casco histórico de Betanzos xa que, tal e como aclarou o presidente galego en funcións, aos inmobles entregados hoxe seguiranlle “rapidamente outros”, que se entregarán “en pouco tempo”.

Nesta entrega de chaves, Rueda defendeu como un “dereito fundamental” o acceso á vivenda e avogou por que “as administracións deben discutir menos, colaborar máis e ser eficaces á hora de cumprir con esta obriga”.

Por iso, incidiu na importancia de construír nova vivenda e tamén de apostar pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos, tanto a través da promoción directa desde a Administración, como coa colaboración pública-privada.

No caso da Xunta, puxo en valor o Programa Rexurbe co que se adquiren inmobles nos conxuntos históricos para recuperalos ou solares baleiros co fin de habilitar novas vivendas. O obxectivo é triplo: facilitar o acceso a un fogar da cidadanía á vez que se recupera o patrimonio e se revitalizan os cascos vellos das localidades.

Nesta liña, Rueda destacou que o Goberno autonómico investirá máis de 40 millóns de euros neste programa, o que permitirá obter, a través da rehabilitación dun total de 94 inmobles, preto de 170 vivendas públicas en toda a comunidade, para destinalas a alugueiro social.

Fonte.- Xunta de Galicia