Segundo Tinsa, o prezo da vivenda contráese un 0,1% mensual en febreiro | Observatorio de Vivenda

Segundo Tinsa, o prezo da vivenda contráese un 0,1% mensual en febreiro

Segundo Tinsa, o prezo da vivenda contráese un 0,1% mensual en febreiro

Segundo os datos do índice Tinsa IMIE, o prezo da vivenda caeu un 0,1% en febrero en taxa mensual, pero rexistrou un aumento do 3,2% con respecto a febreiro de 2023. Estes datos para Tinsa amosan unha tendencia á estabilización dos prezos residenciais tanto da vivenda nova como da usada. O estudo destaca que a variación mensual situouse entre o -0,4% e o 0,6% en tódolos grupos analizados.

Concretamente, no grupo de capitais e grandes cidades os prezos descenderon un 0,4%, e no grupo de áreas metropolitanas fíxoo nun 0,2%. Polo contrario, destacan os incrementos do 0,6% no grupo de Illas, do 0,4% no grupo da Costa Mediterránea, e do 0,1% no grupo do Resto de Municipios. En taxa interanual, o prezo subiu en tódolos grupos, un 2,5% nas capitais e grandes cidades, un 2,7% en áreas metropolitanas, un 7,9% nas illas, un 5,5% na costa mediterránea, e un 2,8% no resto de municipios. 

Segundo Tinsa, o índice xeral acumula en febreiro unha revalorización do 38,7% dende o mínimo alcanzado en agosto de 2015. Así mesmo, os datos amosan que o valor medio da vivenda mantense un 18,4% por debaixo da referencia alcanzada a finais de 2007. A maior distancia con respecto ao boom inmobiliario por grupos corresponde á costa mediterránea, cun 27,6% por debaixo, seguida polo resto de municipios, un 27,2% por debaixo do máximo, mentres que no caso das illas están preto, un 2,6% por debaixo do seu máximo. 

Fonte.- EuropaPress