A terceira edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación convocados pola Xunta recibiron un total de 65 candidaturas | Observatorio de Vivenda

A terceira edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación convocados pola Xunta recibiron un total de 65 candidaturas

A terceira edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación convocados pola Xunta recibiron un total de 65 candidaturas

Un total de 65 proxectos competirán polos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia, que este ano celebran a súa terceira edición. Para o premio de arquitectura recibíronse 23 candidaturas e para o de rehabilitación 35, ás que hai que sumar outras nove que optarán ao premio especial á sustentabilidade. En total, presentáronse 67 candidaturas aínda que cómpre ter en conta que dous dos proxectos compiten á vez en dúas modalidades.

Os galardóns, convocados pola Xunta de Galicia por un importe global de 24.000 euros, teñen catro categorías. O Premio galego de arquitectura, dotado con 6.000 euros, escollerase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal.

O Premio galego de rehabilitación, cunha dotación tamén de 6.000 euros para o gañador, vai dirixido a galardoar os proxectos de rehabilitación relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.

Así mesmo, tamén haberá unha modalidade de mencións, reservada para destacar aquelas actuacións que non obtivesen premio pero que o xurado aprecie como merecedoras dun recoñecemento especial. E por último, poderán outorgarse dous premios especiais -dotados tamén con 6.000 euros cada un- á sustentabilidade, para salientar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medio ambiente, os recursos e as xeracións futuras; e á traxectoria profesional, en recoñecemento a unha carreira meritoria a favor da arquitectura no territorio galego, que concederá o xurado en base ás propostas formuladas polas entidades que o conforman.

Fonte | Xunta de Galicia