Un total de 251 familias lucenses benefícianse das axudas da Xunta para a rehabilitación de edificios de promoción pública | Observatorio de Vivenda

Un total de 251 familias lucenses benefícianse das axudas da Xunta para a rehabilitación de edificios de promoción pública

 Un total de 251 familias lucenses benefícianse das axudas da Xunta para a rehabilitación de edificios de promoción pública
  • O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará 244.000 euros a estes apoios
  • Dáse a circunstancia de que na provincia de Lugo foron admitidas o cen por cen das solicitudes
  • A subvención recibida é de ata o 60% do orzamento e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará 244.000 euros a subvencionar a nove comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública lucenses co obxectivo de apoiar distintas obras de reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios.

Estas axudas beneficiarán a un total de 251 familias, residentes nestes inmobles, que agora dispoñen dun prazo de dous anos para executar estas obras. Na maior parte, as actuacións subvencionadas están dirixidas á instalación de elementos de mellora da accesibilidade (ascensores, ramplas, ...), reparación de fachadas ou mellora da eficiencia enerxética (cambio do sistema de iluminación por equipos máis eficientes)

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que na provincia de Lugo dáse a circunstancia de que todas as comunidades de propietarios solicitantes reciben axuda, polo que foron admitidas o cen por cen das solicitudes.

Na convocatoria que se vén de resolver, 8 das 9 comunidades beneficiarias están emprazadas en Lugo capital e outra máis en Outeiro de Rei.

A esta orde de subvencións podían concorrer as comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública, promovidas pola Xunta ou transferidas á comunidade autonómica. A contía da subvención recibida é de ata o 60% do orzamento e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

Fonte.- Xunta de Galicia