A Xunta abre o prazo de solicitude de distintas liñas de axudas á cidadanía para mercar, alugar ou rehabilitar vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta abre o prazo de solicitude de distintas liñas de axudas á cidadanía para mercar, alugar ou rehabilitar vivendas

A Xunta abre o prazo de solicitude de distintas liñas de axudas á cidadanía para mercar, alugar ou rehabilitar vivendas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), xa ten activadas algunhas das convocatorias anuais de axudas destinadas á cidadanía para facilitar o acceso a unha vivenda mediante compra ou alugueiro; así como para rehabilitar edificacións existentes.

Unha das liñas xa abertas é a dirixida a apoiar a compra de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de mozos ou mozas menores de 35 anos, que optan a achegas de ata 10.800 euros. Os inmobles poderán ser novos ou usados, deberán estar xa construídos e o seu prezo de venda non debe superar os 100.000 euros. Os interesados poden presentar solicitudes ata o vindeiro 1 de setembro.

Ademais, a Xunta tamén abriu o prazo para pedir o Bono de Alugueiro Social, orientado a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas, o cal pode pedirse ata o próximo 10 de decembro, con contías que oscilan entre os 175 e os 225 euros ao mes, equivalentes ao 50 por cento da renda mensual máxima da vivenda alugada segundo a localidade na que estea situada.

Por outra parte, as persoas interesadas en optar ás axudas que xestiona o IGVS para executar obras de rehabilitación enerxética en vivendas unifamiliares ou edificios de tipoloxía residencial, poden solicitalas ata o próximo 31 de xullo, mentres que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), tamén abrirá na vindeira semana os prazos de solicitude de dúas liñas de axudas dirixidas a particulares que queiran impulsar proxectos de enerxías renovables nos seus fogares.

Fonte | Xunta de Galicia