A Xunta aclara que o uso residencial colectivo en solo rústico está permitido cando se procure a recuperación do patrimonio construído | Observatorio de Vivenda

A Xunta aclara que o uso residencial colectivo en solo rústico está permitido cando se procure a recuperación do patrimonio construído

A Xunta aclara que o uso residencial colectivo en solo rústico está permitido cando se procure a recuperación do patrimonio construído
  • A Consellería e os colexios de rexistradores e os notarios elaborarán unha circular interpretativa coa que dar seguridade xurídica e precisar que este uso resulta admisible mediante a implantación dun réxime de división horizontal da propiedade, que non implique unha división do terreo

A Xunta sinala que os usos residenciais colectivos en solo rústico tamén son permitidos, sempre e cando sexan acordes á excepcionalidade que marca a normativa vixente: que se procure a recuperación do patrimonio ou sexa unha construción vinculada a unha explotación agropecuaria.

 

Esta aplicación será recollida nunha circular interpretativa, que elaborarán conxuntamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Colexio de rexistradores da propiedade de Galicia e o Colexio de notarios de Galicia, co fin de garantir a seguridade xurídica e precisar que os usos residenciais colectivos son equiparables —en termos da normativa urbanística— aos individuais.

 

Nese sentido, esta aclaración virá a precisar que o uso residencial colectivo resulta admisible no solo rústico mediante a implantación dun réxime de división horizontal da propiedade, sempre que non se produza unha parcelación do terreo.

 

Este foi un dos compromisos asumido pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, cos notarios e rexistradores da propiedade, cos que mantivo unha reunión para aclarar estas dúbidas interpretativas.

 

Encarnación Rivas lembrou que a normativa urbanística vixente prohibe con carácter xeral, o uso residencial no solo rústico. Non obstante, recolle como excepción, ademais dos casos vinculados a explotacións agropecuarias, aqueles aos que se lles poida aplicar o réxime excepcional previsto no artigo 40 da Lei do solo para as edificacións tradicionais existentes antes do ano 1975, medida que permite recuperar o patrimonio construído como factor de desenvolvemento e calidade de vida.

 

A directora xeral aclarou que, se ben é certo que estas cuestións derivan da aplicación da normativa urbanística en vigor, estas exceden do contido e interpretación da mesma, por tratarse de aspectos directamente vinculados coa normativa rexistral e hipotecaria.

 

Ambas entidades esperan que esta circular solvente as dúbidas plantexadas por estes colectivos, a cidadanía en xeral e mesmo polos concellos, que interpretaban que unicamente era posible a implantación de usos residenciais unifamiliares, pero non colectivos, ao non resultar admisibles as divisións horizontais no solo rústico.

 

Esta interpretación impide, por exemplo, a viabilidade de actuacións municipais para implantar varias vivendas de protección oficial recuperando antigas escolas unitarias e que na actualidade están sen uso.

Fuente.- Xunta de Galicia