A Xunta activa a plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono e anima aos concellos a incorporar inmobles baleiros | Observatorio de Vivenda

A Xunta activa a plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono e anima aos concellos a incorporar inmobles baleiros

A Xunta activa a plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono e anima aos concellos a incorporar inmobles baleiros

A Xunta de Galicia acaba de activar oficialmente a súa plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono, unha ferramenta novidosa prevista na Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas para loitar contra o despoboamento e reactivar estas zonas da Comunidade. A plataforma xa está dispoñible e, polo momento, tan só ofrece información relativa a inmobles localizados en Sober, o concello escollido para realizar a experiencia piloto de lanzamento.

A plataforma está aberta á participación dos concellos, que poden incorporar información sobre as zonas e lugares en situación de abandono que hai nos seus respectivos termos municipais; aos particulares con inmobles neste tipo de núcleos, que poden aproveitala para sacar ao mercado as súas propiedades; e tamén ás persoas interesadas en mercar ou alugar inmobles nun entorno rural.

Así, o obxectivo da iniciativa é mobilizar por toda Galicia inmobles e núcleos abandonados, total ou parcialmente, para darlles unha segunda vida e atraer á xente a vivir no medio rural e rodeada de natureza, unha alternativa que a raíz da covid conta cada vez con maior aceptación e demanda.

Fonte | IGVS