A Xunta adianta 3 millóns de euros para axilizar a urbanización do barrio de Xuxán | Observatorio de Vivenda

A Xunta adianta 3 millóns de euros para axilizar a urbanización do barrio de Xuxán

A Xunta adianta 3 millóns de euros para axilizar a urbanización do barrio de Xuxán

A Xunta de Galicia xa procedeu ao pago adiantado ao Concello da Coruña de 3 millóns de euros para facilitar a axilización da urbanización do parque Ofimático, agora coñecido como Xuxán.

Estanse a levar a cabo as obras do edificio de promoción pública de 40 vivendas nas que o Goberno galego está a investir 6 millóns de euros e que estarán rematadas antes do verán do ano que ven.

No protocolo asinado en xullo, a Xunta comprometeuse ao pago adiantado de cotas de urbanización por importe de 3 millóns de euros, co obxectivo de facilitar o avance nas devanditas obras. Este adianto permitirá rematar coa maior brevidade as obras de urbanización da primeira etapa, co obxecto de que as parcelas afectadas poidan acadar a condición de solar e así activar a construción dun maior número de vivendas de protección oficial.

Este acordo é unha continuación do asinado pola Xunta, o Concello e a Asociación Parque Ofimático no ano 2016. Naquela ocasión, Xestur realizou un adianto de 4,2 millóns de euros para a execución das obras de urbanización xa realizadas. Dese adianto quedou un remanente de 728.149,77 euros a favor da empresa pública, polo que esa parte dos 3 millóns de euros acordados xa está nas contas do Concello.

A Xunta, que é propietaria de aproximadamente a metade do solo, suma así 15 millóns de euros de investimento na urbanización do barrio de Xuxán, tendo en conta este protocolo e os 12 que destinara ata o momento actual.

 

Fonte | Xunta de Galicia