A Xunta adxudica a construción de tres vivendas de promoción pública modulares no concello de Sober | Observatorio de Vivenda

A Xunta adxudica a construción de tres vivendas de promoción pública modulares no concello de Sober

A Xunta adxudica a construción de tres vivendas de promoción pública modulares no concello de Sober
  • A obra foi adxudicada por máis de 430.000 euros e un prazo de execución de 8 meses

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou hoxe o contrato para a construción de tres vivendas modulares no concello lucense de Sober. A obra foi adxudicada á UTE: Construcciones Emi-Álvarez, S.L.- Consernor, S.L. por importe de 434.775 euros.

O contrato comprende a redacción do proxecto, a fabricación das vivendas e o montaxe dos módulos no seu emprazamento definitivo. Os prazos previstos para a redacción do proxecto e construción das vivendas é de 8 meses.

As vivendas contarán con tres dormitorios e dous baños, ademais de salón, cociña, tendedeiro, rocho e garaxe.

Con este programa búscase un dobre obxectivo xa que, por un lado, a construción modular supón unha forma áxil de incrementar o parque de vivendas protexidas existente xa que reduce de forma notable os tempos de construción e pola outra, tamén representa a aposta da Xunta pola innovación en materia de edificación residencial.

Neste sentido, cómpre precisar que, unha vez redactado o proxecto construtivo e supervisado por parte do IGVS, o proceso de construción destas vivendas levarase a cabo na súa totalidade en fábrica. Deste xeito, o impacto no lugar elixido en Sober para a súa localización será mínimo, xa que a única obra requirida previa á montaxe e instalación destes inmobles será a execución dos cimentos.

A arquitectura modular consiste na construción de vivendas mediante a unión de distintos módulos estandarizados que se constrúen en taller e tan só se executa en obra a cimentación e a ensamblaxe das distintas vivendas.

A Xunta está a realizar un programa piloto con pequenos grupos de vivendas de promoción pública de tipoloxía unifamiliar en concellos rurais –Sober e Cenlle polo momento- onde as parcelas se adapten a este tipo de construción, co fin de comprobar que este tipo de construción permite a redución dos prazos en que as mesmas se atopan dispoñibles e un aforro económico.

Fonte.- Cunta de Galicia