A Xunta anima a pedir ata finais de xullo as axudas para rehabilitación enerxética de edificios | Observatorio de Vivenda

A Xunta anima a pedir ata finais de xullo as axudas para rehabilitación enerxética de edificios

A Xunta anima a pedir ata finais de xullo as axudas para rehabilitación enerxética de edificios

A Xunta de Galicia anima a todos os propietarios particulares ou comunidades de veciños con inmobles de carácter residencial a acollerse á nova liña de axudas para rehabilitación enerxética de edificios do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de xullo. Neste sentido, cómpre subliñar que desde a convocatoria deste programa, a comezos de xaneiro, estanse a recibir unha media de máis de 100 solicitudes cada mes.

Ademais, esta é a primeira vez que o seu departamento xestiona o chamado programa PREE, de carácter plurianual e cun orzamento global de 17 millóns de euros para o período 2021-2023 ‑5,5 millóns só para este ano‑.

Esta inxección económica axudará a financiar un bo número de intervencións de carácter enerxético en inmobles construídos antes do ano 2007, polo que avogou por seguir dándolle difusión a estas axudas.

Entre os tres tipos de actuacións subvencionables cómpre subliñar as que teñen que ver coa renovación e mellora da envolvente térmica das fachadas, co uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente; e mellora das instalacións de iluminación, é dicir, luminarias, lámpadas e equipamentos, así como sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais do acendido e a regulación do nivel de iluminación..

Fonte | IGVS