A Xunta autoriza dous novos proxectos para construir 104 vivendas públicas no barrio de Valdecorvos | Observatorio de Vivenda

A Xunta autoriza dous novos proxectos para construir 104 vivendas públicas no barrio de Valdecorvos

A Xunta autoriza dous novos proxectos para construir 104 vivendas públicas no barrio de Valdecorvos

O Consello da Xunta autorizou este luns a redacción de dous novos proxectos para construir vivenda de promoción pública en Valdecorvos, Pontevedra. Serán dous edificios de 56 e 48 vivendas respectivamente, que suporá unha inversión de 16 millóns de euros. Estes dous novos proxectos súmanse ao de construción de 74 vivendas protexidas no mesmo barrio cuxa licencia de obras outorgará o Concello de Pontevedra nos próximos días. Deste xeito, a Xunta terá en marcha iniciativas para a dotación de 178 novas vivendas de promoción pública na cidade e esgotará a dispoñibilidade de chan do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Os dous proxectos situaranse nas últimas parcelas propiedade de Xestur en Valdecorvos, que serán cedidas ao IGVS.

Un dos edificios autorizados polo Consello da Xunta, o de 56 vivendas, con garaxes, trasteiros e locais comerciais, construirase nunha parcela de 3.201 metros cadrados, en tres bloques independentes cun soto común e terá planta baixa, catro alturas e aproveitamento baixo cuberta. A redacción do proxecto licitarase por 324.000 euros e o orzamento de construción é de 8,7 millóns. O segundo, para 48 vivendas, situarase unha parcela de 1.147 metros cadrados onde se levantará un edificio de dúas plantas de soto, planta baixa, seis alturas e baixo cuberta. Tamén contará con prazas de garaxe, trasteiros e locais. Neste caso, o proxecto custará 268.000 euros e a construción, 7,3 millóns.

Fonte.- La Voz de Galicia