A Xunta axudou en 2023 a preto de 270 familias a mercar a súa vivenda habitual cun investimento de algo máis de dous millóns de euros | Observatorio de Vivenda

A Xunta axudou en 2023 a preto de 270 familias a mercar a súa vivenda habitual cun investimento de algo máis de dous millóns de euros

A Xunta axudou en 2023 a preto de 270 familias a mercar a súa vivenda habitual cun investimento de algo máis de dous millóns de euros

A Xunta de Galicia axudou o ano pasado a 267 familias a mercar a súa vivenda habitual cun investimento de algo máis de 2 millóns de euros. Fíxoo a través das achegas para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, as subvencións para a adquisición de vivenda en centros históricos ou as destinadas a vivenda protexida. 

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, visitou en Valdoviño unha das vivendas compradas ao abeiro dos apoios para acceder a unha vivenda en municipios de menos de 10.000 habitantes onde salientou que o obxectivo destas axudas é facilitar na medida do posible o acceso a un fogar da cidadanía galega. 

Por iso, lembrou que estas tres liñas de subvencións se reeditan este ano e que o prazo de solicitude aínda está aberto pois comezou en febreiro e estenderase ata o 31 de outubro ou ata que se esgote o crédito dispoñible, que é de 3,5 millóns de euros.

A responsable autonómica incidiu en que estas achegas se enmarcan no Pacto social pola vivenda de Galicia, aprobado a comezos do ano 2021, co que a comunidade marcou a folla de ruta dos seguintes anos en canto ás políticas públicas en materia residencial.  

A modalidade de axudas que contou con máis beneficiarios en 2023 foi a destinada a mozas e mozos de ata 35 anos que adquiran a súa residencia habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes. O Executivo galego concedeu 215 achegas -cun importe máximo de 10.800 euros para a compra de vivendas de ata 120.000 euros- por un importe global de máis de 1,5 millóns de euros. 

A Xunta tamén concedeu 42 subvencións -de ata un máximo de 15.000 euros- para o acceso a unha vivenda en propiedade en centros históricos, ás que destinou máis de 360.000 euros. Mentres,  aprobáronse 10 axudas para a adquisición de vivenda protexida -por un importe de ata 20.000 euros- que sumaron un investimento de 128.000 euros. 

A vicepresidenta segunda en funcións puxo en valor que estas medidas buscan facilitar o acceso da cidadanía a un fogar e que son especialmente necesarias en poboacións pequenas para contribuír ao asentamento da mocidade nelas así como ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural. 

A vivenda que visitou Ángeles Vázquez pertence a unha moza que se beneficiou dunha axuda de 7.000 euros -ao abeiro da liña para concellos de menos de 10.000 habitantes- para adquirir a súa primeira vivenda, que será a súa residencia habitual, nunha contorna rural, no lugar de Caneiro (Valdoviño). Trátase dunha vivenda unifamiliar dun único andar e algo máis de 100 metros cadrados construídos.

Fonte.- Xunta de Galicia