A Xunta completa a presentación no Concello de Vigo dos proxectos de urbanización para a ampliación de San Paio de Navia | Observatorio de Vivenda

A Xunta completa a presentación no Concello de Vigo dos proxectos de urbanización para a ampliación de San Paio de Navia

A Xunta completa a presentación no Concello de Vigo dos proxectos de urbanización para a ampliación de San Paio de Navia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda completou a presentación no Concello de Vigo dos proxectos de urbanización necesarios para a ampliación de San Paio de Navia. Deste xeito, o Goberno municipal dispón xa da documentación correspondente ás tres fases nas que se divide a urbanización e, polo tanto, pode continuar coa súa tramitación e aprobación, un paso indispensable para poder licitar as obras.

Así, o seguinte trámite será que o Concello de Vigo aprobe inicialmente os proxectos de urbanización para, de seguido, sometelos a exposición pública durante o prazo dun mes, solicitando simultaneamente os informes sectoriais que correspondan. Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres meses para proceder á aprobación definitiva dos tres proxectos –fases 1, 2 e 3 .

Unha vez adquirida a totalidade dos terreos necesarios para a ampliación, o IGVS procederá á licitación da primeira fase das obras de urbanización en San Paio de Navia.

A ampliación do solo residencial neste ámbito permitirá a construción dunhas 1.600 novas vivendas protexidas na cidade de Vigo, o que suporá un investimento de 250 millóns de euros por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 metros cadrados que, ademais de vivendas, acollerán zonas verdes, superficies de uso terciario, máis de 1.000 prazas de aparcamento e un carril bici de dous quilómetros.

Fonte | Xunta de Galicia