A Xunta convoca 13 bolsas de formación en materia de vivenda para titulados universitarios | Observatorio de Vivenda

A Xunta convoca 13 bolsas de formación en materia de vivenda para titulados universitarios

A Xunta convoca 13 bolsas de formación en materia de vivenda para titulados universitarios

A consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), convoca 13 bolsas de formación en materia de vivenda para titulados universitarios.

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta nova convocatoria, á que se destinará un orzamento de 196.800 euros para financiar esta iniciativa formativa, incluíndo tamén a achega á Seguridade Social. Ademais sumarase o custe do seguro de responsabilidade civil para accidentes.

Os bolseiros desenvolverán a súa formación no Instituto Galego de Vivenda e Solo durante un período de 12 meses, susceptibles de ampliación por 6 meses máis.

O obxectivo da Resolución é convocar 5 bolsas para titulados no grao en Arquitectura, 1 bolsa para o caso de Arquitectura Técnica, 6 para graduados en Dereito e 1 en Economía.

Os beneficiarios destas prácticas contarán cunha retribución económica de 1.200 euros brutos ao mes.

As persoas beneficiarias desta iniciativa son todas aquelas persoas que no momento de presentar a solicitude reúnan unha serie de requisitos, como ter rematado o grao esixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.

Os demandantes da citada bolsa tamén deben ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4 ou superior, non ter sido obxecto doutra iniciativa de formación do IGVS ou doutra similar nin ter emprego remunerado.

Esta convocatoria dálle continuidade ás que vén realizando o Instituto Galego da Vivenda e Solo nos últimos anos. Así, os bolseiros da última convocatoria atópanse xa en pleno desenvolvemento da súa formación, restándolle 6 meses de duración da prórroga da bolsa.

O Goberno galego, con este tipo de iniciativas, continúa a facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos teóricos e favorecer o acceso ao mercado laboral de estudantes que rematasen recentemente a súa formación superior.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Xunta no prazo dun mes, a contar desde mañá. 

Fonte.- Xunta de Galicia