A Xunta convoca axudas de ata 10.800 euros para facilitar aos mozos a compra dunha vivenda no marco do novo pacto social | Observatorio de Vivenda

A Xunta convoca axudas de ata 10.800 euros para facilitar aos mozos a compra dunha vivenda no marco do novo pacto social

A Xunta convoca axudas de ata 10.800 euros para facilitar aos mozos a compra dunha vivenda no marco do novo pacto social

 A Xunta de Galicia empeza a convocar as primeiras axudas enmarcadas no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 presentado oficialmente o pasado 20 de xaneiro. Onte publicouse no DOG a Orde de subvencións para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos, unha liña de axudas que contará en 2021 cun orzamento inicial de 800.000 euros e que forma parte do medio cento de accións en materia residencial coas que o Goberno galego aspira a axudar a 70.000 familias nos vindeiros cinco anos.

Así a convocatoria de 2021 está dotada con 800.000 euros, aínda que esta contía poderá ser ampliada e o prazo para a presentación de solicitudes abrirase a partir de hoxe e prolongarase ata o próximo 1 de setembro. En canto aos requisitos, a vivenda terá que estar xa construída (sexa nova ou usada) e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.

Neste sentido, a importancia desta nova convocatoria radica nas axudas para facilitar o acceso á súa primeira vivenda en propiedade á xente nova, ao tempo que se contribúe ao asentamento da mocidade en concellos menos poboados e de áreas rurais.

Fonte | IGVS