A Xunta convocará antes do verán por 5 M€ o aval para axudar aos mozos a adquirir a súa primeira vivenda en propiedade | Observatorio de Vivenda

A Xunta convocará antes do verán por 5 M€ o aval para axudar aos mozos a adquirir a súa primeira vivenda en propiedade

A Xunta convocará antes do verán por 5 M€ o aval para axudar aos mozos a adquirir a súa primeira vivenda en propiedade
  • A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acadou esta semana, catro meses despois da solicitude, o visto e prace do Consello de Ministros para activar esta medida por primeira vez en Galicia
  • Co impulso desta iniciativa, os beneficiarios poderán acceder a un préstamo hipotecario do 95% do prezo do inmoble, do cal un 15% estará cuberto pola Xunta

 

A Xunta prevé convocar antes do verán o aval para mozos menores de 35 anos que desexen adquirir a súa primeira vivenda en propiedade, para o que estima destinar un orzamento de 5 millóns de euros.

 

Esta medida foi unha das novidades incluídas nos orzamentos de 2022 impulsada da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, case catro meses despois da solicitude, esta semana acadou o visto e prace por parte do Consello de Ministros, que a recoñece e considera como pertinente, tendo en conta a finalidade, o colectivo beneficiario e o procedemento e as características das futuras operacións.

 

Unha vez perfilada a medida, a Xunta está a traballar nos últimos trámites para a súa próxima convocatoria, como son os termos dos acordos coas entidades bancarias.

 

Gracias a esta iniciativa da Xunta, concederanse por primeira vez en Galicia avais dun 15% do prezo de compra a menores de 35 años para a adquisición da súa primeira vivenda en propiedade. Así, o beneficiario accederá a un préstamo hipotecario do 95% do prezo, do cal un 15% estará avalado pola Xunta, e que se sumará ao 80% que conceden habitualmente as entidades financeiras.

 

Tendo en conta que unha das grandes preocupacións dos mozos galegos é o acceso á vivenda, a Xunta artellou unha serie de medidas e incentivos para que os membros deste colectivo poidan acceder a un fogar e independizarse.

 

Entre as mesmas destacan, ademais deste aval, as axudas para mercar vivendas en concellos rurais e en centros históricos, que xa axudaron a 500 mozos a empezar o seu proxecto de vida, ou os incentivos para a adquisición de vivenda protexida.

 

Deste xeito, a Xunta continúa impulsando políticas para facilitar aos mozos o acceso á súa primeira vivenda en alugueiro ou en propiedade.