A Xunta de Galicia incrementa en 1,2 millóns de euros os importes destinados ás axudas de rehabilitación de vivendas de mestres e á infravivenda rural  | Observatorio de Vivenda

A Xunta de Galicia incrementa en 1,2 millóns de euros os importes destinados ás axudas de rehabilitación de vivendas de mestres e á infravivenda rural 

A Xunta de Galicia incrementa en 1,2 millóns de euros os importes destinados ás axudas de rehabilitación de vivendas de mestres e á infravivenda rural 

A Xunta de Galicia incrementou os importes destinados ás axudas para a rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal e tamén as destinadas a infravivenda rural, tal como se recolle o 26 de maio de 2020 no Diario Oficial de Galicia.

No primeiro caso, incrementouse en 1.084.769,70 euros a dotación destinada ás axudas para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal, de maneira que o importe total da convocatoria será de 2.903.829,7‬ euros. O incremento da dotación desta liña de axudas supón incremento do 60 por cento respecto dos fondos inicialmente previstos para a convocatoria.

O programa está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal para alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de vivendas xa existentes. Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes de vivenda inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, e a axuda é do 90 por cento do custe da actuación, co límite de 40.000 euros por vivenda, que se incrementan ata 48.000 si as vivendas están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.

Polo que respecta ás axudas para a infravivenda rural, o orzamento da convocatoria increméntase en 100.000 euros, polo que a contía final destinada a este fin será de 200.000 euros, cun incremento do 100 por cento. Esta programa prevé axudas para a rehabilitación de inmobles destinados a vivenda que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e que se empracen en concellos de menos de 10.000 habitantes. A axuda será do 95 por cento do custe da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda.

 

Fonte | IGVS