A Xunta de Galicia, a punto de adxudicar dúas novas vivendas do barrio dos Muíños en Mondoñedo | Observatorio de Vivenda

A Xunta de Galicia, a punto de adxudicar dúas novas vivendas do barrio dos Muíños en Mondoñedo

A Xunta de Galicia, a punto de adxudicar dúas novas vivendas do barrio dos Muíños en Mondoñedo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicará en breve dúas vivendas emprazadas no números 26 da praza dos Muíños de Mondoñedo, trala rehabilitación que levou a cabo o Instituto Galego de Vivenda e Solo cunha inversión de preto de 400.000 euros.Optarán a elas as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e que cumpran con varios requisitos, o principal, que pertenzan a familias de máis de tres ou catro membros, xa que se trata de vivendas moi amplas.

As obras executadas neste edificio supuxeron unha rehabilitación integral do inmoble, respectando a singularidade da fachada actual, construída en recebado de cal sobre pedra e formigón. Entre as características construtivas deste proxecto de rehabilitación destacan tamén as fiestras exteriores de madeira de castaño ou pino, pavimentos interiores de baldosa de gres e tarima de madeira de carballo e cuberta de lousa con cravos de aceiro.

Tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Mondoñedo están a realizar desde hai anos un importante esforzo na rehabilitación deste barrio, primando a recuperación de rúas, a posta en valor desde o punto de vista turístico, e tamén o impulso empresarial favorecendo a implantación de negocios de artesanía.

Fonte | Xunta de Galicia